Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Os cartos investidos na compostaxe non reducen os residuos enviados a Sogama

     A pesar dos cartos que ten investido o BNG de Lores, os datos reflicten un fracaso do plan pantasma da compostaxe.

    • Poñendo como referencia os nove primeiros meses do ano, Pontevedra enviou a Sogama 45 toneladas de residuos orgánicos máis en 2017 que no mesmo período do ano anterior. 394,94 toneladas máis en comparación co mesmo período do ano 2015.
    • O Concello non facilitou dato algún, polo que tiveron que ser solicitados a Sogama a través do Parlamento de Galicia. 
    • Para os populares estes datos veñen demostrar a deriva do BNG de Lores coa compostaxe e son o resultado dunha falta de planificación absoluta e a ausencia dunha folla de ruta clara.

     

    Pontevedra 14, novembro, 2017.- “O Concello de Pontevedra non só non reduciu o envío de residuos a Sogama, senón que incluso a cantidade viuse incrementada durante varios meses nos últimos dous anos”. Denuncia que fixo pública este martes o portavoz popular, Jacobo Moreira, tras coñecer o número de toneladas que o noso municipio está a remitir á planta de Cerceda. Datos, por outra banda, obtidos a través do Parlamento de Galicia, “tras esperar máis dun mes a que o Goberno de Lores remitise esta mesma información que lle solicitamos a principios do pasado mes de outubro”, apuntou o edil popular. O feito de que o Concello non facilitase os datos ao Partido Popular xa deixaba intuír que non debían ser bos para o Goberno de Fernández Lores, actitude que abocou ao Partido Popular a ter que recorrer ao Parlamento de Galicia para obter esta información.

    Concretamente, poñendo como referencia os nove primeiros meses do ano, o Concello de Pontevedra enviou 45 toneladas de residuos orgánicos máis en 2017 que no mesmo período do ano anterior, 2016 ; e 394,94 toneladas máis que no mesmo período do ano 2015. 

    “Un exemplo claro da deriva do BNG coa compostaxe”, apuntou o edil popular, quen lembrou que “o Goberno de Lores leva moitos anos con este asunto sen obter ningún froito máis aló dos gastos que están a ocasionar os experimentos do BNG de Lores coa compostaxe nas arcas municipais”.

    “Este é o resultado da falta de planificación e de non contar cunha folla de ruta clara sobre a implantación da compostaxe en Pontevedra. Fernández Lores fala dun Plan, pero ese plan non é coñecido, polo que máis ben se trata dun plan pantasma que unicamente é empregado como escusa para malgastar cartos públicos”, puntualizou Jacobo Moreira, quen lembrou que este mes de decembro cumpriranse dous anos dende que o BNG de Lores asinou coa Comunidade de Montes  de A Canicouva o contrato para o aluguer dos terreos para a construción dunha planta de compostaxe, “dous anos despois segue sen coñecerse proxecto algún, pero seguimos pagando 25.000 euros anuais á Comunidade de Montes”, manifestou o portavoz popular.

    Para os populares “estes datos poñen en dúbida as afirmacións do BNG de Lores asegurando que en Pontevedra xa se está compostando moito”. “A pesar dos cartos que ten investido o Goberno de Lores nos seus experimentos coa compostaxe, non vemos resultado algún. Os datos demostran o fracaso deste plan pantasma”, apuntou Jacobo Moreira, quen lamenta esta situación “pois a fin de contas, como xa dixemos en numerosas ocasións, se algo sae mal, non o pagarán o BNG de Lores, senón que se pagará cos cartos de todos os veciños de Pontevedra”, sentenciou.