O Porriño, 14 de outubro de 2017.- O pleno do Concello do Porriño aprobou a semana pasada, a instancia do Partido Popular, a adhesión ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Fegamp “Concellos Doing Business Galicia”.
O obxectivo último desta adhesión, según informou o presidente dos populares M. Alejandro Lorenzo, é “fomentar a implantación e fixación de empresas no municipio”. A través deste convenio ofreceranse máis incentivos fiscais, simplificación administrativa e facilidades de acceso ao solo empresarial para “incentivar a implantación de empresas no Porriño”.
Entre os incentivos están a bonificación de ata o 95% (ata o 95% de bonificación cando se creen máis de 20 postos de traballo; como mínimo o 75% cando sexan entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50% pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a “aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, sempre e cando garantan a creación de emprego”, explica Lorenzo.
Tampouco esixirán taxa por licencia de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que conleven a creación de novos postos de traballo e o seu código CNAE corresponda con algunha actividade económica incluida no eido da Industria 4.0 e a RIS3. Ademáis, a concesión das licenzas de obra maior terá un prazo máximo de 30 días naturais desde que o concello dispón de todos os informes. “Con respecto ao solo empresarial, fixaranse prezos competitivos establecendo bonificacións e incorporará a súa oferta o dereito de superficie”, sinala M. Alejandro Lorenzo.
Ao mesmo tempo, e de acordo con este convenio marco, Lorenzo salientou que ao ser Concello Doing Business O Porriño “beneficiarase das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresaral”, é dicir, naquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento e “terá preferencia cando as convocatorias sexan en réxime de concorrencia competitiva”.