Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP de Poio esixe explicacións ao Bipartito polo uso de camións do lixo noutros concellos

    • Os populares pedirán ao equipo de goberno explicacións detalladas sobre os incumprimentos do contrato, que non son algo excepcional, senón «unha táctica habitual da empresa coa connivencia do Bipartito»
    • Reprochan ao alcalde que finxa sorpresa cada vez que hai coñecemento dun uso irregular de vehículos e operarios, e recordan que xa o advertiron en varias ocasións nos últimos meses.
    • Para o concelleiro Tucho Muíños, o máis indignante é que os veciños de Poio pagan a taxa máis cara de Galicia «para que Valoriza dea servizo noutros concellos».

     

    Poio, 20 de novembro de 2017. Despois de máis de sete meses presentando probas do uso irregular de persoal e material da recollida de lixo de Poio noutros concellos, o PP esixirá «explicacións detalladas» ao Bipartito sobre estes incumprimentos da concesión.

    Despois de que a pasada semana se fixeran públicas novas fotografías de camións destinados a Poio facendo servizos de recollida na Illa de Arousa e o concello anunciase “por enésima vez” que  pedirá explicacións a Valoriza polo que o alcalde volveu cualificar de “un feito puntual”. O voceiro do PP local de medio ambiente, Tucho Muíños, denunciou que, lonxe de ser algo puntual ou excepcional «é unha táctica habitual da empresa», que poñen en práctica «coa connivencia do Bipartito». 

    Muíños recordou que as fotografías da pasada semana son só a última denuncia de irregularidades por parte do PP, que xa en abril denunciou o uso de camións en Marín ou a Illa, máis tarde desvelou a presenza de contedores co escudo de Poio raspado cunha rebarbadora e pouco despois fixo públicas fotografías de operarios tamén de Poio, en furgonetas de Poio recollendo voluminosos no Salnés, polo que cualificou as palabras de Sobral como «tomadura de pelo» aos veciños.

    O concelleiro popular reprochou ao alcalde que finxa sorpresa polas prácticas de Valoriza, cando son «permitidas e alentadas desde o  concello», e fixo un breve repaso polo historial de incumprimentos da concesionaria desde o mesmo momento da adxudicación: «Desvelamos que non invertiran o recollido no prego de condicións, que non recollían reciclables, innumerables incumprimentos do contrato, e o concello, en vez de tomar medidas, cala e xustifica».

    Muíños recordou que o concelleiro Xulio Barreiro chegou a recoñecer que Valoriza nunca pedira permiso para sacar os camións do concello, e indicou que o Bipartito prometeu unha comisión de investigación «que quedou en nada». Muíños insistiu en que estas prácticas están absolutamente prohibidas no contrato, e que calquera utilización esixiría unha autorización previa e expresa por parte dun concelleiro de goberno: «Se a hai, é gravísimo. E se non a hai e non se toman medidas, é máis grave aínda».

    Muíños insistiu en que, pese ao que parece querer transmitir o concello, «os camións non son da empresa, senón dos veciños de Poio», e apuntou que non saen precisamente baratos: «Mentres os veciños de Poio pagamos a recollida do lixo máis cara de Galicia, os operarios e os camións están dando servizo fóra» e recordou que en moitas zonas de Poio «apenas hai servizo dous días á semana e nin sequera se lavaron os contedores desde que comezou o contrato de Valoriza», polo que concluiu que os poienses «pagan máis que ninguén» para que a empresa «dea o servizo noutros concellos».