Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP reclama para Redondela o mesmo trato que a Deputación ofrece a Vigo para investimentos en instalacións deportivas

    • Reiteran a importancia de asinar un convenio para remodelar de forma urxente o campo de fútbol de Cesantes, na parroquia de Viso.
    • Javier Bas sinala que “mentres con Vigo se asinan convenios para mellorar varios campos e infraestruturas deportivas, os veciños de Redondela continúan esperando desde hai máis de ano e medio unha resposta”.

     

    Redondela, 21 de novembro de 2017.- O Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que teña para Redondela o mesmo trato que ofrece a Vigo, co que acaba de asinar un importante convenio para investimentos en instalacións deportivas da cidade. O alcalde e deputado provincial, Javier Bas, acompañado do voceiro do grupo PP, Ángel Moldes, reiterou esta mañá durante unha visita ao campo de fútbol de Cesantes, na parroquia do Viso, a importancia de que Concello e institución provincial asinen un convenio de colaboración que permita remodelar de forma urxente esta instalación deportiva.

    Javier Bas amosou a súa sorpresa porque “mentres con Vigo se asinan convenios para mellorar varios campos e infraestruturas deportivas, os veciños de Redondela continúan esperando unha resposta para o campo de Cesantes”. Así, recorda que xa pasou máis de ano e medio desde que se trasladou esta demanda á Deputación, onde tamén teñen o acordo unánime de toda a corporación de Redondela que apoia esta iniciativa, incluídos os dous partidos que cogobernan na Deputación. É máis, co voto favorable da concelleira e deputada do PSOE, que votou unha cousa no pleno de Redondela e xusto a contraria no pleno da Deputación. “Pero neste tempo foron incapaces de dar unha resposta á nosa demanda, como tampouco convocaron a reunión que temos solicitada para falar da cofinanciación deste proxecto”, engadiu.

    O alcalde fíxose eco, ademais, do compromiso que adquiriu o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no pleno provincial no que se debateu a  petición do PP, polo que solicita ao club de fútbol que se dirixa ao BNG para que comproben o apoio e a necesidade que ten o campo para que o proxecto salga adiante.

    Nesta liña tamén incidiu Ángel Moldes, que esixiu “un trato por igual aos concellos, porque non é normal que haxa investimentos tan importantes para Vigo e que se denegue este tipo de convenios ao concello do lado”. O voceiro explicou que “son importantes os investimentos en Vigo, e  dar resposta ás necesidades dos veciños desta e doutras cidades, pero hai que tratar a todos os concellos por igual”. Os populares explican que Redondela, como outros concellos de máis de 20 mil habitantes da provincia, quedan descubertos pola Deputación de Pontevedra. “Coas grandes cidades están asinando convenios directos, para os pequenos e medianos concellos da provincia acaban de aprobar un plan para financiar este tipo de proxectos, pero o problema é que os concellos de máis de 20 mil habitantes só reciben o Plan Concellos, un plan moi limitado que se destina a actuacións moi prioritarias, como por exemplo o saneamento”.

    O campo de fútbol de Cesantes ten un uso supramunicipal, as instalacións deportivas as usan o Club Deportivo de Cesantes e cinco peñas de fútbol veteranas, ademais da escola de fútbol base do Viso-Cesantes no que están inscritos un importante número de nenos. O proxecto de remodelación do campo, que precisaría de un investimento aproximado de 600 mil euros, inclúe unha actuación integral, co cambio de tapete, vestiarios, peche e iluminación.