Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP acusa ao Bipartito de ser o «peor goberno da historia de Poio» e de perder proxectos e investimentos nunha lexislatura malgastada

    • Ángel Moldes fixo un repaso das oportunidades perdidas ou obstaculizadas polo Bipartito nos últimos dous anos e medio «no que se perderon máis proxectos dos que se conseguiron».
    • A Depuradora, as beirarrúas na PO-308 e Campelo, o PXOM, a ampliación de Anafáns ou a perda dunha subvención provincial dun millón e medio de euros «por non ler as bases», exemplos dun goberno que «nin quere nin sabe tomar decisións»
    • Para o popular, as desculpas de sempre «xa non valen» e pide ao Bipartito que evite seguir facendo o ridículo: mentres outros concellos fan proxectos e melloras, o Bipartito «fai perder aos veciños benestar e calidade de vida».

     

    Poio, 21 de novembro de 2017. Nunha rolda de prensa celebrada este martes na sede do PP de Poio, o presidente local Ángel Moldes, trazou un resumo dos máis de dous anos e medio do último mandato do Bipartito encabezado por Luciano Sobral que tildou de “lexislatura perdida” no que o goberno local de poio perdeu “máis proxectos dos que conseguiu para Poio”

    Moldes, que compareceu acompañado dos membros do grupo municipal popular Manuel Domínguez e Juan José Rodríguez Grandal, comezou o repaso das oportunidades perdidas por Sobral pola depuradora de Poio, un proxecto con financiación xa comprometida pola Xunta e que non pode avanzar ata que o goberno local dea unha ubicación para a súa construcción.

    Moldes culpou a Sobral da parálise «dun dos proxectos máis importantes para o concello», que ten parado pese aos case 7 millóns de euros postos a disposición pola Xunta nos orzamentos de 2018 para esta infraestrutura. Segundo Moldes, moitas familias de Poio dos centos que viven do marisqueo e do turismo seguen a expensas de que se continúen pechando praias e zonas de marisqueo por culpa dun concello que «non quere tomar ningunha medida».

    Para Moldes, a EDAR é un síntoma máis dun equipo de goberno «con moitos problemas» e que tería na súa man dar solucións a eses problemas pero opta por non facer nada ou non sabe como actuar, unha fórmula que se repite en moitos dos problemas enumerados durante a rolda de prensa, e dos que outro exemplo serían as sendas peonís e ciclistas na PO-308.

    «O alcalde mentiu durante máis dun ano dicindo que tiña os terreos, que os ía poñer a disposición da Xunta ata que finalmente lle descubriron a mentira», explicou Moldes, que recordou como finalmente, e ante a comprobación de que o Bipartito non conseguira a cesión de terreos á que se comprometera, a administración autonómica optou por comezar a expropiación dos terreos: «Despois de agardar anos polos terreos é a Xunta quen vai levar a cabo as sendas entre o límite con Sanxenxo ata o Covelo, e tamén vai coordinar actuacións de seguridade vial adicionais, como as rotondas en Samieira e Raxó», indicou o voceiro popular. «Todo pola determinación e o compromiso da Xunta, que vai actuar nesta estrada, e non grazas a  ningunha xestión do concello».

    No catálogo de proxectos entorpecidos polo Bipartito, Moldes tamén incluiu as Beirarrúas de Campelo, outro proxecto histórico que desde o goberno de Poio escusaban nun suposto boicot da Deputación gobernada polo PP: «Agora que na Deputación está un Bipartito da mesma cor có de Poio, e no que hai deputados que forman parte de ambos gobernos, os veciños de Poio seguen sen beirarrúas», algo que Moldes achacou á falta de seriedade do Bipartito local: «O problema sempre é o mesmo, a Deputación segue agardando que o goberno de Poio poña a disposición os terreos, e o goberno de Poio é incapaz de facelo». 

    Moldes recordou tamén a fallida ampliación de Anafáns, e indicou que despois da firma dun convenio entre Xunta e concello para ampliar o centro de Saúde e do compromiso económico e técnico da administración autonómica, «resulta que o concello propuxo terreos sen capacidade suficiente para actuar». Segundo Moldes, estas chapuzas máis ca unha excepción son a regra e teñen un forte impacto nos veciños mesmo pese aos esforzos de outras administracións por corrixir os erros do concello: «A resposta da Xunta foi ofrecer un centro novo, pero seguen a esperar polo concello a que poña a disposición terreos axeitados. O de sempre».

    Moldes tamén se referiu a incapacidade de aprobar un novo PXOM despois de gastar máis de 300.000 euros na empresa redactora e de pagar asesores e «un concelleiro en dedicación exclusiva», e recalcou que a día de hoxe hai empresas interesadas en instalarse en Poio que optan por non establecerse porque o Plan Xeral non está adaptado: «Seguimos perdendo oportunidades».

    O último exemplo desta longa lista de despropósitos, a perda dunha subvención de máis dun millón e medio de euros da Deputación por incumprir as bases é só «a última gota», recalcou Moldes, que explicou que a proposta presentada polo Bipartito de Poio ás subvencións para “proxectos singulares” non cumpría o máis básico. Moldes preguntou como era posible perder unha subvención desa magnitude por ler mal as bases da convocatoria sendo a tenente de alcalde de Poio membro do goberno provincial, e explicou que esta chapuza era outra máis doutra «lexislatura perdida» dun modelo que suma 23 anos e caracterizado por perder máis proxectos e investimentos dos que consegue para os veciños.

    Para Moldes, as desculpas de sempres sobre boicots ou bloqueos doutras administracións «xa non funcionan» desde o momento que na Deputación están PSOE e BNG e a propia tenente de alcalde forma parte do goberno provincial e «seguen sen cumprir as súas propias obrigas e compromisos».

    Moldes pediu ao equipo de goberno bipartito que «intenten rematar a lexislatura como poidan pero eviten seguir facendo o ridículo» perdendo e obstaculizando subvencións e investimentos: «Estamos ante un ciclo esgotado, un goberno que probablemente sexa o peor da historia democrática de Poio. Un goberno que en vez de conseguir melloras para Poio, as perde».

    Moldes recordou que mentres concellos limítrofes seguen a desenvolverse e conseguir actuacións levando adiante proxectos como piscinas, parques, bibliotecas ou auditorios, en Poio «hai dúas parroquias que verten ao mar directamente por falta de depuradora, veciños sen beirarrúas, falta de infraestruturas básicas por culpa dun goberno que nin quere nin sabe tomar decisións».

    «Un goberno incapaz que paraliza Poio e que en vez de mellorar Poio fai perder aos seus veciños benestar e calidade de vida»