Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Tellado asegura que Caballero é cómplice da insumisión do alcalde de Bembrive, inhabilitado por prevaricación

    Reclama que o rexedor de Vigo dea explicacións sobre a situación de conflitividade social xerada nesta parroquia

    • Lamenta que se use á xente para impedir que os que pensan distinto se expresen, cuestionando a forma de practicar a política de Caballero, que “non dá a cara”.
    • Lembra que o abastecemento de auga é unha competencia municipal e esixe ao alcalde que resolva estas cuestións básicas, algo no que non traballou nos últimos tempos

     

    Vigo, 23 de novembro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reclamou esta mañá a Abel Caballero que dea a cara e aporte explicacións sobre a situación de conflitividade social xerada na parroquia viguesa de Bembrive, cun alcalde pedáneo inhabilitado cunha sentenza xudicial por prevaricación e de cuxa insumisión é cómplice o rexedor vigués.

    Nunha visita á Pedanía de Bembrive acompañado pola presidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz, Tellado recoñeceu que os veciños queren saber o que ten acontecido nesta parroquia, á que nos últimos anos se teñen adxudicado 12 millóns de euros con contratos menores, responsabilizando directamente ao alcalde de Vigo do sucedido que “debe dar respostas e aínda non o fixo”, converténdose nun problema para o Concello e tamén para Bembrive.

    Segundo Tellado, Caballero perde día a día a confianza que os vigueses lle deron en maio de 2015, algo que o levará a ter que gobernar coas Mareas de Podemos de enfrontarse a un fracaso electoral nas seguintes eleccións municipais. “Vendo o nerviosismo co que actúa e como utiliza á xente para impedir que os que pensamos distinto poidamos expresarnos, probablemente o maior temor que ten nestes momentos é que sabe que vai perder a maioría absoluta que hoxe ten”, indicou o número dous dos populares en referencia á interrupción que sufriu a súa visita, onde un grupo de veciños intentou impedir que os dirixentes do PPdeG tomaran a palabra.

    “É lamentable que un alcalde recorra a un comité de benvida para calar as voces da oposición. Esa é a visión antidemocrática de Abel Caballero e esa é a forma de practicar a política dun alcalde que non dá a cara”, manifestou Tellado, para o que hai tempo que Vigo non é un espazo de liberdade no que teñan cabida opinións diferentes ao pensamento único imposto polo alcalde. Deste xeito, os satélites de Caballero tentan enmudecer aos que con lexitimidade pretenden desenvolver a súa labor como representante dos vigueses.

    O PPdeG considera positivo que o propio rexedor manifestara a súa repulsa ante as condutas daqueles que queren facer calar ao principal partido da oposición na cidade. Mentres, os populares -tal e como admitiu Tellado- seguirán traballando e defendendo os intereses xerais de Vigo e dos veciños de Bembrive.

    ABASTECEMENTO DE AUGA

    Por outra parte, Miguel Tellado tamén fixo referencia ao asunto do abastecemento de auga na cidade de Vigo, lembrando que se trata dunha competencia municipal. Nese senso, salientou a necesidade de que o alcalde, “en vez de falar de dinosetos e de poñer barcos nas rotondas”, ocupe o seu tempo en resolver as cuestións básicas como garantir o abastecemento de auga potable,  algo no que non traballou o Concello nos últimos tempos.

    Malia que Tellado asegurou que Vigo contará con toda a colaboración por parte da Xunta de Galicia, lamentou que Caballero non  tivera atendido as súas responsabilidades porque “estaba no folclore”. Como destacou o secretario xeral, o alcalde “traballa para si mesmo”, demostrando cada día que “a principal prioridade de Abel Caballero se chama  Abel Caballero”.