Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP critica que o orzamento da Deputación é “decepcionante para a provincia, carente de proxectos ilusionantes e de iniciativas”

    • Elena Muñoz pregunta onde están todos eses investimentos que anunciaron a “bombo e platillo” e que non se recollen, como as axudas de 90 millóns para os danos dos incendios, os 70 millóns para o Plan Concellos ou as melloras en emerxencias, entre outros.
    • “Entendemos por que Carmela Silva non quixo ir ao Parlamento de Galicia a explicalo, sabe que é un orzamento malo para a provincia e que nel se ve todas as carencias que ten este Bipartito”.
    • Critican que o orzamento só crece en gasto de persoal e en gasto corrente. “Só gastan máis neles mesmos, no propio goberno que se retroalimenta”.

     

    Pontevedra, 27 de novembro de 2017.- O Partido Popular valorou esta mañá os orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2018, un documento que a voceira Elena Muñoz resumiu como “totalmente decepcionante para toda a provincia, un orzamento de portas pechadas, baleiro de iniciativas, carente de proxectos ilusionantes, que ten máis gasto corrente e menos investimento, pero ademais, un orzamento que non se vai executar, se temos en conta a porcentaxe de execución dos orzamentos dos últimos anos –do 40% en 2017-”.

    Nunha rolda de prensa xunto ao deputado Luis Aragunde, Muñoz recordou que orzamento é o documento que realmente reflicte cal é a política de unha administración, cal é o proxecto e onde se amosa a realidade. “Porque as palabras as leva o vento, e o importante son os datos e os feitos”, sinalou. Por iso, “este orzamento amosa a verdadeira cara deste Bipartito e desta Deputación. Despois de analizar os orzamentos vemos que se caen moitas caretas, porque por moito que se repitan as cousas, non significa que sexan unha realidade”.

    Por iso, desde o PP sosteñen que “despois de analizar o orzamento entendemos por que Carmela Silva non quixo ir ao Parlamento de Galicia a explicalo, ela mesma non se sinte orgullosa deste orzamento. Sabe que é un orzamento malo para a provincia e que nel se ve todas as carencias que ten este Goberno Bipartito”.

    En primeiro lugar, os populares criticaron que o orzamento está feito, de novo, de costas aos concellos, aos alcaldes e tamén aos sindicatos. “Do contrario, non se explicaría como se repiten actuacións que quedan moi ben na foto pero que foron un auténtico fracaso”, puntualizaron. Como exemplos, expuxeron o Plan Revitaliza, que só pediron 5 de 61 concellos; o plan de parques forestais, 10 de 61; ou o plan de proxectos singulares, que dan a 25 de 52 concellos. “Por certo, no que o 80% dos beneficiados son concellos gobernados por PSOE e BNG”.

    Elena Muñoz explicou que o feito de que se faga de costas aos concellos é porque “a estas alturas a presidenta aínda non coñece a provincia, ten máis da metade dos concellos pendentes de visitar. E quen non coñece o territorio non é capaz de facer proxectos que se axusten ás súas necesidades”.

    Para os populares, o orzamento tamén está carente de iniciativas, “e de iniciativas que ademais xa tiñan anunciadas a bombo e platillo, como xa é habitual neste Bipartito, no que todo é publicidade e propaganda”. Así, Muñoz preguntou “onde están os 90 millóns que anunciaron para paliar os danos dos incendios? Onde están os 70 millóns que prometeron para o Plan Concellos 2018? Onde están as melloras do servizo de emerxencias, dos GES ou do consorcio provincial? Tampouco atopamos os millóns que prometeron para ese proxecto de edificios singulares, que tiñan prometidos 6 millóns para 2018. Onde está o plan de práctica laboral?”.

    Polo tanto, engadiu a deputada popular, “atopamos un orzamento carente de proxectos ilusionantes en sectores estratéxicos que antes abanderaba esta provincia e que hoxe están caendo no esquecemento, como o turismo, gandeiría, o sector vitivinícola, o mar... áreas fundamentais para a provincia e que vemos que neste orzamento están esquecidas”.

    No lado contrario, sinalou, o orzamento só crece en gasto de persoal e en gasto corrente. “É dicir, só gastan máis neles mesmos, no propio goberno que se retroalimenta. Comparando o gasto corrente do último orzamento do Goberno do PP _2015_ co deste ano, comprobamos que aumentou en 8 millóns de euros”. 

    Ademais, Elena Muñoz tamén criticou “a privatización que trae consigo o orzamento. Privatízase algo que antes se facía desde o Parque de Maquinarias da Deputación de Pontevedra, como o mantemento das estradas provinciais”.

    Luis Aragunde tamén incidiu en que “este goberno non está gobernando nin para os concellos nin para os veciños da provincia, a Deputación está perdendo presencia, pero sobre todo está deixando de ser un apoio para todos eles”.