Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O Partido Popular amosa a súa sorpresa polas declaracións insidiosas dos responsables do PSOE ao respecto das axudas da Xunta para os colexios

     

    • O pasado día 5 asináronse en Pontevedra un total de 58 protocolos e 2 convenios entre a Xunta e un total de 60 municipios, que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos
    • Critican que Carmela Silva faga declaracións como presidenta da Deputación de Pontevedra nunha reunión claramente partidista á que só estaban convocados alcaldes socialistas.

     

    Pontevedra, 25 de maio de 2016.- O grupo provincial do Partido  Popular de Pontevedra está sorprendido polas declaracións insidiosas dos representantes dos gobernos locais do PSOE e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, nas que se afirmaron que a práctica totalidade dos rexidores asinaron os protocolos co fin de mellorar e modernizar diversas dotacións educativas dos seus concellos sen ler o que asinaron, e lembra que todas as actuacións recollidas nos distintos convenios para a mellora das infraestruturas educativas foron previamente informadas desde a Xunta de Galicia e consensuadas cos distintos gobernos locais.

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  e a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra –salvo Pontevedra e Vigo, que contan con plans específicos– asinaron o pasado 5 de maio 58 protocolos e 2 convenios co fin de mellorar e modernizar un total de 116 centros da provincia, nos que se inclúen 103 CEIP (centro de educación infantil e primaria) e 13 CPI (centro público integrado). Unhas actuacións que beneficiarán a máis de 25.000 alumnos e alumnas pontevedreses, con independencia das cores políticas dos concellos e que poñían en valor a cooperación interadministrativa permitindo garantir unha correcta eficiencia na xestión dos recursos públicos.

    Desde o PP de Pontevedra négase rotundamente que exista discriminación ou agravio comparativo, posto que o que hai é unha lista de prioridades segundo as necesidades dos centros dos 60 municipios de Pontevedra que asinaron este acordo. En todo caso, con seguridade, a Consellería estará disposta a seguir afondando na liña de diálogo e entendemento e emprazará aos responsables destes concellos e á propia Deputación de Pontevedra -á que este ano se lle ofreceu a oportunidade de colaborar e se negou, ao contrario que o ano anterior-, a buscar novas vías de cooperación interadministrativa, tendo en conta que non se está ante un acordo pechado, senón que se poden ir incorporando novas accións segundo as necesidades.

    Ademais, denuncian o claro posicionamento partidista da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que lonxe de representar a todos os concellos da provincia, defende unicamente os intereses dos concellos socialistas, facendo declaracións e posicionamentos como presidenta provincial nunha reunión na que unicamente estaban convocados alcaldes do PSOE.

    Dous convenios con concellos socialistas

    A maiores cómpre lembrar, que cos concellos de Vilagarcía e A Guarda, ámbolos dous socialistas, asináronse os dous únicos convenios de colaboración, a través dos cales Consellería e os respectivos concellos asumen cada un o 50% do custe da actuación. En concreto, no CEIP de Rubiáns de Vilagarcía acometerase a reforma do ximnasio, cunha achega de 170.000 euros da Consellería; mentres que no CEIP As Solanas da Guarda procederase a mellorar o pavillón anexo ao ximnasio, cunha achega da Xunta de 86.000 euros.