Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP defenderá na Deputación aos traballadores que piden o mantemento da UPA no Príncipe Felipe

    O PP presenta unha moción seguindo as reclamacións do cadro de persoal adscrito ao Centro e presentado a todos os grupos políticos

    • Critica á deputada delegada, Eva Vilaverde, e acúsaa de “mentir descaradamente” por ter asegurado que os profesionais do centro estaban de acordo co seu peche

     

    Pontevedra, 19 de decembro de 2017.- O grupo provincial da Deputación de Pontevedra levará ao vindeiro Pleno deste organismo unha moción de apoio aos traballadores do Centro Infantil Príncipe Felipe que solicitan o mantemento da Unidade de Primeira Acollida (UPA) e que se retomen as negociacións do convenio colaborador coa Xunta de Galicia para garantir a continuidade deste servizo, pioneiro e único en Galicia, nas mesmas condicións nas que se presta na actualidade. Os populares fan eco así do escrito presentado polos traballadores a todos os grupos políticos da Deputación.

    Neste sentido, o voceiro popular na Deputación, Ángel Moldes Martínez, asegura con referencia á recollida de sinaturas feitas polos traballadores do Príncipe Felipe en apoio á UPA “ponse de manifesto, unha vez máis, que a deputada delegada, Eva Vilaverde minte descaradamente cando afirma que os profesionais deste centro educativo estaban de acordo co seu peche e que os pasos dados pola Deputación ían nesa dirección por vontade dos profesionais do centro. Nada máis lonxe da realidade como se pode ver polo rexeitamento abrumador a esta medida”.

    Moldes indicou tamén que “este tipo de accións únense á mesma tónica existente desde que chegou o bipartito á Deputación baseada nun claro desexo de desmantelar todos os servizos que desde esta institución se presta aos cidadáns e aos concellos máis modestos. Estamos ante unha clara folla de ruta de baleirado pola vía do derrubo das políticas sociais dunha institución que supón e supuxo tanto para a asistencia social e protección do menor non só na nosa provincia senón como exemplo para Galicia enteira e que agora se quere botar por terra”.

    O voceiro popular solicitará á presidenta, Carmela Silva, que “poña algo de orde e sentido no afán desmantelador de servizos que están a impulsar os seus socios de goberno e non sexa cómplice dunha sinrazón que o único que está a levar é un grave risco de desamparo para aqueles nenos e nenas, aqueles menores, aos que vai dirixida esta unidade de primeira acollida que tan bo servizo presta a instancias da fiscalía, xulgados, ETM, estranxeiría, etc.”.

    O máis lamentable da deputada Eva Villaverde, e que confirma o escrito asinado polos traballadores non só é que minte cando di que a Deputación seguiu as peticións dos propios traballadores, senón que ademais vese que a deputada descoñece por completo o funcionamento desta unidade.

    Na moción presentada polo PP e seguindo as reclamacións do cadro de persoal adscrito ao Centro Infantil Príncipe Felipe, ínstase ao goberno bipartito a retomar as negociacións coa Xunta de Galicia “co único interese de defender os dereitos daqueles menores que por circunstancias alleas a eles se ven envoltos en graves situacións de desamparo e que a sociedade ten que atender e axudar a resolver desde un punto de vista profesional e inmediato. O PP aposta dun xeito claro e decidido pola apertura sen condicións e sin prexuizos previos dunha liña estable de diálogo coa administración autonómica para manter o servizo de Primeira Acollida nas condicións que vén prestando na actualidade”, concluiu Ángel Moldes.