Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Deputados do PP acusan de “parálise e falla de xestión” ao Bipartito da Deputación que só ten executado o 40% do orzamento no que vai de ano

    • Luis Aragunde e Jorge Canda reuníronse cos responsables políticos do PP na comarca de Pontevedra para facer balance da súa xestión no ente provincial
    • Aragunde aconsellou ao rexedor de Ponte Caldelas que deixe de ser “o alcalde da pancarta e se convirta por un día no da xestión e non o do ruído”

     

    Pontevedra, 21 de decembro de 2017.- Luis Aragunde e Jorge Canda, dos deputados do PP na Deputación de Pontevedra, fixeron un balance moi negativo do investimento e da xestión desenvolvida polo goberno bipartito no ente provincial ao que acusan de parálise e de primar os esforzos investidores cara as dúas grandes cidades en lugar de dedicarse a apoiar e auxiliar aos pequenos e medianos concellos como é a súa función real”, indicou Aragunde quen recordou que “a estas alturas do ano a Deputación só ten executado o 40% do seu orzamento o que dá boa idea da súa nula capacidade operativa e de xestión”.

    O acto de presentación de balance de xestión contou tamén coa presenza do presidente da Comisión Xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o voceiro popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, o seu homólogo en Ponte Caldelas, Ricardo Castro, o concelleiro caldelán Jesús Rosón e a concelleira de Poio, Rocío Cochón,  que valoraron moi positivamente o esforzo dos deputados populares na oposición por “levar ata a Corporación provincial a voz dos concellos modestos e do interior da provincia que son ignorados de xeito continuo e sistemático polo tándem Silva-Mosquera”.

    Durante a súa intervención ante os medios de comunicación, Luis Aragunde puxo de manifesto “a pobreza creativa do orzamento aprobado en solitario e sin contar con ningunha das nosas aportacións por parte do bipartito na Deputación. O único que se ve nese orzamento, con moita partida xenérica e sen especificar destino, é que Vigo e Pontevedra acumulan a maior parte dos investimentos acumulando convenios diretos que suman entre ámbolas dúas cidades máis de 33 millóns de euros mentras que os pequenos concellos teñen menos cartos que cando gobernaba o Partido Popular. A presidente enche a súa boca con afirmacións grandilocuentes baleiras por completo de contido e, si analizas polo miudo as súas contas, son as do Gran Capitán para os municipios modestos que non son tidos en conta, como debería ser a filosofía de traballo desta institución”.

    “CANTOS EUROS DOS 90 MILLÓNS QUE PROMETEU CARMELA SILVA CHEGARON AOS AFECTADOS POLOS INCENDIOS? CERO”

    Por outra banda, Aragunde referiuse tamén ao tema dos incendios onde a Deputación de Pontevedra avanzou que destinaría 90 millóns de euros para palia-los danos causados polo lume e dixo que “aproveitando que estamos hoxe en Ponte Caldelas onde o seu alcalde chegou afirmar que as axudas da Xunta non beneficiarían nada máis que a 2 veciños do seu concello animaríao a que preguntara cántos cartos dos 90 millóns que anunciou Carmela Silva irán destinados aos seus veciños afectados. A resposta é clara: Cero pataqueiro”, asegurou o deputado popular quen tamén dixo que o plan de axudas para parques forestais fora “un auténtico fiasco onde só 10 dos 62 concellos da provincia presentaron proxectos quedando sen adxudicar 750.000 euros obrigando ao bipartito a facer unha nova convocatoria para dar saída a unha ferramenta que non é válida nin para os concellos que gobernan eles”.

    Tamén se referiu ao acordo de comarcalización dos servizos de emerxencias e os parques de bombeiros acadado entre a Xunta, a Fegamp e to das as deputacións galegas agás a de Pontevedra e que suporía, ao entender dos deputados provinciais, unha solución máis acaída aos problemas de asistencia aos concellos rurais. “Preguntaríalle ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, como explica ante os seus veciños que un día saia como abandeirado da comarcalización das emerxencias para facerse a correspondente foto do día e logo, cando está convocada unha xuntanza por este tema, nin siquiera apareza dando a fuxida por resposta ao saber que a súa xefa na Deputación e o seu secretario xeral, o Sr. Regades son os principais responsables da negativa a asinar o convenio? Aquí tamén vai dicir que está cos seus veciños? Antes, coa foto e o facebook ou agora retratándose con Abel Caballero e os que se opoñen a este acordo que é válidos para todas as deputacións de diferentes cores políticas agás a de Pontevedra?”.

    “DÍAZ E O ALCALDE DA PANCARTA EN LUGAR DE FACER XESTIÓN”

    Neste sentido Aragunde tamén criticou a actitude do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz co tema do trasvase de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras sinalando que “o auténtico problema que teñen os veciños de Ponte Caldelas e o seu alcalde é co seu homólogo de Vigo, Abel Caballero, o único empeñado en levar a cabo o trasvase contra vento e marea e a toda costa sin estudiar alternativas de ningún tipo, sen sentarse a dialogar e sen buscar alternativas que pasan pola mellora das súas infraestruturas e na saída negociada. A Andrés Díaz xa se lle coñece en todo lados, incluido entre os seus, como o alcalde da pancarta en lugar de ser o da xestión. Todo é fume, todo é facebook, todos son fotos e de xestión, de arranxar os problemas dos seus veciños, nada de nada. Probe algún día a facer xestión en lugar de ruído. Estamos ante unha promoción persoal en lugar de buscar solucións negociadas e dialogadas ante problemas concretos e cando ten que asistir a reunións, aos foros de debate coas administracións está desaparecido en combate máis preocupado por medrar e facer méritos para os seus intereses persoais e non encomodar ao seu novo xefe, o Sr. Regades que en desempeñar con garantías as súas funcións”, afirmou Luis Aragunde. 

    DUCIAS DE MOCIÓNS SOBRE TEMAS DE INTERESE SOCIAL REXEITADAS SEN APENAS DEBATE

    Finalmente Luis Aragunde e Jorge Canda referíronse á “falla de transparencia e participación” na Deputación por parte do goberno tripartito. “Négannos o acceso á documentación das xuntas de goberno, informes sobre bombeiros e emerxencias, expedientes do Plan de Proxectos Singulares onde, por certo, os concellos socialistas e nacionalista lévanse o 75% do montante global e onde as propostas presentadas polos concellos do PSOE acadan un 90% de aceptación positiva algo que di bastante da “imparcialidade” e pluralidade da xestión do goberno de Carmela Silva. De ducias e ducias de mocións que presentamos durante este ano con temas tan importantes como a reapertura do CIM de Ponte Caldelas, a potenciación do turismo na provincia, eixo fundamental da nosa economía, melloras de estradas, liña de axudas a concellos para parques infantís, apoio a iniciativas comunitarias e veciñais, emerxencias, apoio aos corpos e forzas de seguridade do estado, defensa das Illas Atlánticas como patrimonio da humanidade, etc., etc. son sistemáticamente tumbadas sen apenas debate. Esa é a democracia e a vontade de colaboración pola gobernanza e unha xestión mellor?” pregúntanse os deputados populares.