Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP enmenda a totalidade dos orzamentos da deputación por “afastarse cada vez máis da realidade dos concellos da provincia”

    • O voceiro do PP explicou que as convocatorias de axudas como o Plan Revitaliza, no que só participaron 5 dos 61 concellos, o Plan de Parques Forestais ou o Plan de Proxectos singulares resultaron un fracaso pola pouca participación ou pola cantidade de cartos que quedaron sen repartir entre os concellos.
    • Lamentan que aumente o gasto en persoal e o gasto corrente mentres os investimentos se reduciron en máis de 8 millóns de euros desde 2015.
    • A porcentaxe de execución orzamentaria non supera o 40% nun presuposto de 152 millóns de euros.

     

    Pontevedra, 26 de decembro de 2017.- O Grupo do PP na Deputación de Pontevedra solicita a retirada dos orzamentos da Deputación de Pontevedra ao considerar que se trata de un documento elaborado ás présas, improvisado e sen planificación, elaborado de costas aos concellos, aos sindicatos e aos grupos da oposición e que só contempla partidas xenéricas sen ningunha iniciativa concreta.

    Así o explicou o voceiro do PP na Deputación, Ángel Moldes, que considera que orzamentos do bipartito se afastan cada vez máis da realidade dos concellos da provincia. “Na elaboración do orzamento a Deputación debería ter en conta a aqueles aos que dirixe a súa acción de goberno, pero parece o bipartito non lle interesa escoitar a ninguén máis que a eles mesmos, o que motiva que moitas das iniciativas que se poñen en marcha ao longo do ano fracasen.

    Como exemplo, o voceiro dos populares explicou que no 2017 houbo moitas convocatorias de axudas a concellos que resultaron un fracaso. No Plan Revitaliza, dotado de 1,2 millóns de euros para a compra de composteiros só participaron 5 dos 61 concellos da provincia. No plan de parques forestais dotado con 1,2 millóns de euros, só 10 dos 61 concellos solicitaron axudas, quedando sen repartir 800.000 euros, o 66% do importe da convocatoria. No Plan de Proxectos singulares, dotado con 18 millóns de euros só recibiron axuda 25 dos 52 concellos que poderían acollerse a esta convocatoria, quedando sen repartir 3 millóns de euros.

    “No 2017 comprobamos que os plans que foron elaborados polo Goberno da Deputación e que se supoñía que tiñan unha demanda real ao final resultaron ser un fracaso, e non é porque o diga o PP, dino os datos e a pouca demanda dos concellos da provincia para acollerse a eles,  e non porque aos concellos lle sobren os cartos precisamente”, aclarou o deputado. 

    Moldes explicou ademais que o gasto de persoal incrementou 4,3 millóns de euros con respecto ao último orzamento aprobado polo goberno do PP e o gasto corrente subiu 3 millóns de euros mentres que os investimentos reais pasaron de 18,4 millóns de euros no 2015 a 10 millóns no 2018. “E o que é máis grave se cabe, presentan un presuposto onde non se concreta cal vai ser o destino de 100 millóns de euros, pois só aparecen partidas xenéricas”.

    A maior proba da indefinición do presuposto está, a criterio dos populares, na porcentaxe de execución orzamentaria un 40% dun presuposto de 152 millóns de euros.

    De aí, que no caso de que non se atenda a solicitude de enmeda á totalidade o Grupo Popular presenta 20 propostas para a súa inclusión no orzamento de 2018 despois dunha rolda de visitas que os deputados do PP realizaron por todas as comarcas.

    A primeira é que tería que ser obrigatorio que a presidenta visitara todas as comarcas e todos os concellos da provincia para falar cos alcaldes, porque é sorprendente que a ano e medio de acabar a lexislatura aínda non os coñeza a todos. 

    Ademais os deputados populares consideran que tampouco é normal que en todos os concellos da provincia se estea facendo un esforzo para reducir os gastos de persoal e gasto corrente mentres as partidas previstas pola Deputación se incrementan. Tamén solicitan a redución de partidas de propaganda, publicidade e patrocinios que ascenden en todo o orzamento 2018 a máis de 4 millóns de euros.

    Moldes explicou ademais que deberían eliminar as partidas destinadas á privatización do mantemento de estradas provinciais, “porque este bipartito vai pasar á historia entre outros motivos por facer o maior contrato de privatización que se fixo nunca na Deputación de Pontevedra”.

    Neste sentido indicou que “non estamos en contra de que se contraten empresas externas para o mantemento de estradas pero non nos parece normal é que o parque de maquinaria estea funcionando nun 40%”.

    Entre as alegacións dos populares tamén está o aumento dos investimentos nos concellos de 42 a 60 millóns de euros ou a creación dunha liña de axudas específica para os concellos afectados pola vaga de incendios, “porque houbo un anuncio pero as axudas non aparecen por ningún lado no documento de 2018 e ata agora os concellos non recibiron nada”.

    Inclúen ademais propostas para a creación dunha partida específica para emprego por un importe de 10 millóns de euros destinado a parados de longa duración, a atención de sectores produtivos da provincia, entre o que se debe incluír o aumento do orzamento da Finca de Mouriscade, unha partida para a elaboración dun plan de conservación e substitución de tapetes de campos de herba sintéctica ou o apoio a colectivos veciñais e sociais.

    Reclaman a inclusión de dotación económica para ampliar e mellorar os servizos que se prestan na delegación da Deputación en Vigo e solicitan ademais que se manteñan as partidas que permitan que a Cidade Infantil Príncipe Felipe siga prestando todos os servizos como ata o de agora.

    Os populares cren ademais que se debe aumentar o orzamento do Museo provincial, que debe haber partidas concretas para a posta en marcha da promoción do turismo con medidas que eviten a estacionalización de visitantes mentres se deberían reducir as partidas destinadas a compostaxe para as que a Deputación de Pontevedra prevé 4 millóns de euros.

    Con respecto a esta última medida, Moldes aclarou que “o PP non está en contra compostaxe, pero débese facer unha análise obxectiva e real de como está funcionando a compostaxe na provincia, falan de asinar convenios pero a día de hoxe aínda non se saben os resultados concretos”. Aclara que “o PP non está en contra da compostaxe, estamos en contra da estratexia que se seguiu na provincia, porque non están claros os resultados a pesar de todos os millóns de euros que se están investindo”.