Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP presenta unha moción para celebrar a visita do impulsor do Bosque de Colón en abril con homenaxes e conferencias

    • Froito das conversacións con John Harmon McElroy e outras xestións, o PP dispón de numerosas testemuñas e documentos da plantación orixinal, que pon á disposición da Comisión Organizadora.
    • A cerimonia, que contaría con moitos dos protagonistas da inauguración, “compensaría” a falta de autoridades de actos en 1992, a causa do temporal e o naufraxio do “Mar Exeo”, e a falta de homenaxes ou cerimonias durante o aniversario en 2017

     

    Poio, 13 de xaneiro de 2018. O PP de Poio presentou hoxe a moción que debatirán o luns os integrantes da Comisión municipal de Economía e dentro de dúas semanas todos os grupos, para conmemorar a visita este mes de abril do promotor do Bosque de Colón, o profesor estadounidense John Harmon McElroy, acompañado previsiblemente doutros protagonistas da plantación do Bosque en 1992.

    A moción do PP reivindica o Bosque como o maior de Europa desta especie –a sequoia vermella californiana- e como un dos escasos legados en Galicia dos actos polo V Centenario da viaxe de Colón que quedan en terras galegas e, desde logo, un dos máis orixinais. Asemade, o texto reivindica a relación do Bosque coas outras pezas do patrimonio coloniano poiense e ás teses que sitúan a orixe do descubridor no lugar de Portosanto. 

    Para os populares, todos estes elementos salientan a singularidade do Bosque de Colón, máis aínda cando a súa concepción e plantación foi por iniciativa particular do profesor McElroy, que xunto a outros poucos promotores, de forma desinteresada, impulsaron unha iniciativa aprobada por ambas as cámaras dos EEUU e asinada polo seu presidente, obtiveron máis de 500 exemplares de embrións de sequoia, prospeccionaron os terreos en Poio e, finalmente, organizaron unha expedición con escolares de 6 estados americanos que os plantaron, xunto a rapaces da mesma idade de Poio.

    Tras a aprobación da declaración de 2017 como “Ano do Bosque de Colón”, o Partido Popular de Poio intentou contactar con McElroy para felicitalo pola súa iniciativa e coñecer máis sobre a xénese do Bosque. Unha vez establecido o contacto a finais do ano pasado, o profesor americano comunicou a súa intención de visitar o Bosque no vindeiro abril, e ao longo de conversas e comunicacións electrónicas, forneceu aos popular de documentación, fotografías, contactos e testemuñas de gran valor sobre os primeiros pasos da arboreda.

    Ademais, a familia McElroy, moi involucrada no seu momento na xestación do Bosque, púxose en contacto con varios dos protagonistas daquela primeira expedición, que expresaron tamén a súa intención de acompañar ao profesor na súa visita a Poio, como algúns dos escolares que participaron na viaxe en 1992, coñecidos entre eles mesmos co alcume dos “Columbus kids” (rapaces de Colón), ou o enxeñeiro forestal xefe do Estado de California que acompañou á primeira expedición e deu instruccións sobre a plantación e conservación destas árbores.

    Moitos deses “Columbus kids” manteñen o contacto entre si e varios anunciaron xa que participarán na viaxe a Poio da próxima primavera, e dase o caso dun dos rapaces de Colón que o ano pasado trouxo á súa familia a visitar a arboreda motu proprio. 

    Aquela expedición foi recibida na Zarzuela polo Rei Juan Carlos, mantivo encontros con benefactores da iniciativa como o Conde de Veragua e distintas autoridades, e deixou testemuña do seu paso noutros concellos, como en Baiona –onde foron recibidos polas autoridades e plantaron uns exemplares de sequoia no instituto local- ou Mondariz –onde tamén sementaron unhas poucas sequoias.

    O PP pon todos estos documentos a disposición da Comisión Organizadora para organizar actos de homenaxe co gallo da visita destes protagonistas, que ademais servirían, explican, para “compensar” polo deslucido da cerimonia orixinal, marcada polo naufraxio do “Mar Exeo”, que impediu a participación de varias autoridades, e o temporal que obrigou a volver a Madrid ao avión que traía á cerimonia a varios representantes institucionais.

    Pese a todo, na cerimonia participaron os alcaldes de Poio e Pontevedra, o presidente da Deputación, o conselleiro de agricultura e varias autoridades locais, ademais dos representantes da Comunidade de Montes de San Xoán –que cedeu os terreos- e dúas ducias de escolares poienses que, por parexas (un rapaz americano e un galego) plantaron as árbores.

    A moción do PP inclúe tamén a celebración de charlas e conferencias durante os días que estean aquí McElroy e os seus acompañantes (unha fin de semana en abril), e a reposición da placa orixinal colocada aquel 4 de decembro de 1992 e roubada posteriormente, da que a familia McElroy conserva fotografías.

    A coordinación coa familia McElroy e o resto de visitantes estadounidenses faríase mediante un representante do PP nomeado como enlace dentro da Comisión que se creou en 2017 para a organización do “Ano do Bosque de Colón”, que o PP espera que, ademais, desenvolva documentación, recursos e, máis aló da visita dos protagonistas de 1992, unha estratexia a longo prazo para poñer en valor o Bosque.