Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP advirte que do que diga o alcalde sobre o peche dos Centros de Saúde non se pode crer «nin media palabra»

    • Despois de que Sobral admitise que os Centros de Anafáns, Combarro e Raxó pecharán ao abrir o futuro ambulatorio, os populares salientan que «o tempo demostrou quen mentiu sempre: o Bipartito, e quen dixo sempre a verdade: o PP».
    • Piden ao Bipartito que explique con claridade que vai pasar con cada centro: «As ambigüidades e medias verdades nun tema tan serio só causan intranquilidade nos veciños»
    • Tucho Muíños: «Con todas as veces que mentiron, ata que non amosen o borrador, non se pode crer nada do que din».

     

    Poio, 18 de xaneiro de 2018. Tras a confirmación por parte do alcalde de Poio de que a apertura dun futuro ambulatorio no municipio conlevará o peche dos centros de saúde de Anafáns, Combarro e Raxó, algo negado inicialmente polo Bipartito, o PP de Poio recordou que «o tempo foi dándonos a razón neste asunto» e advertiu que, en relación aos cambios na atención sanitaria en Poio, os últimos meses demostraron que «do que diga o alcalde e o equipo de goberno non se pode crer nin unha palabra».

    Tucho Muíños, o voceiro dos populares para Combarro, unha das parroquias afectadas polo peche dos centros de saúde, fixo un repaso das «mentiras, ambigüidades e medias verdades» do Bipartito sobre os cambios da atención sanitaria en Poio: «Cando en outubro do ano pasado advertimos que os terreos que propuxo o Bipartito para a ampliación de Anafáns non tiñan bastante edificabilidade, nos dixeron de todo e ao final o tempo deunos a razón e non se podía facer a ampliación por culpa desa chapuza».

    Muíños explicou tamén que cando o PP advertiu que os planes do concello pasaban por pechar os centros de Anafáns, Combarro e Raxó, o socialista Gregorio Agís tamén arremeteu contra o PP, descartando o peche deses centros «e agora o alcalde di que eses centros pecharán».

    O popular reivindicou que «o tempo demostrou quen mentiu sempre: o Bipartito; e quen dixo sempre a verdade: o PP», e advertiu que se o Bipartito quere cambiar algo tan serio como a distribución sanitaria do concello, o que menos axuda é mentirlles aos veciños, andar con ambigüidades ou contar medias verdades, algo que só xenera intranquilidade.

    Muíños recordou que, pese as ambiguas declaracións do alcalde, ninguén do equipo de goberno deu informacións claras sobre as súas intencións, e non se coñece a ubicación do futuro centro de saúde, ou ningún outro detalle, e subliñou que «se queren plantexar unha alternativa distinta á actual, o que menos axuda é ocultar información e contar medias verdades». O popular advertiu: «O mínimo que se lles pode pedir é transparencia, claridade e dicir a verdade aos veciños. Que van facer, onde o van facer, como o van facer... O único que fan con esta estratexia da mentira é aumentar a preocupación dos veciños »

    Muíños insistiu en que «mentres non vexamos o borrador diante non podemos crer nada do que digan» e recordou que o PP «sempre foi por diante», dando información aos veciños sobre a frustrada ampliación de Anafáns e sobre as intencións do Bipartito cos centros, e reprochou que o goberno local sempre dixo que eran mentiras «ata que tiveron que admitir a realidade».

    Muíños acusou ao Bipartito de ser eles «os que mentían e ocultaban información» e pediu que sexan transparentes e amosen o borrador do convenio «a todos os grupos políticos, colectivos e veciños».

    «O primeiro que teñen que facer é amosar o borrador aos partidos da oposición e aos veciños e inmediatamente despois teñen que dar a cara, reunirse cos veciños de Raxó, Combarro e San Salvador e explicarlles claramente que vai suceder cos seus centros de saúde».

    O que está claro, según Muíños, é que a estratexia de opacidade e medias verdades nun tema ten serio «non pode continuar. Con todas as veces que mentiron, ata que non amosen o borrador, non se pode crer nada do que din».

    «Pedimos ao alcalde que deixe de mentir, que dea a cara e lles diga a verdade aos veciños de Poio pero sobre todo aos de San Salvador, Raxó e Combarro, aos veciños que teñen un Centro de Saúde propio e que teñen que saber que vai pasar».