Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Para os populares, a presidenta da Deputación quere desviar a atención cara o PP nun problema e un conflito ao que son incapaces de poñer solución

    • Convidan á presidenta “a que reflexione, porque a culpa non sempre é dos demais, e que valore porque nesta casa os plenos non se poden debater nun clima de cordialidade e de normalidade”.
    • “A diferencia entre eles e nós é que o PP condena todos os ataques sen excepción, sexan a quen sexan, e eles o que fan é criminalizarnos e acusarnos cando nada temos que ver neste conflito”, sinala Ángel Moldes.

     

    Pontevedra, 27 de maio de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular critica que a presidenta da Deputación de Pontevedra queira responsabilizar aos populares e desviar a atención cara o PP nun problema e un conflito, cos traballadores do parque de maquinaria provincial, do que o goberno é o único responsable e ao que son incapaces de poñer solución.

    “Hoxe no pleno o problema non eran os deputados do PP, era o conflito que manteñen cos traballadores do parque cos que son incapaces de manter diálogo e chegar a un consenso”, sinala o voceiro Ángel Moldes. Di que, unha vez máis, intentan desviar a atención e botar as culpas ao PP. “Teñen aos traballadores sentados no pleno, e as únicas declaracións que fan son en contra do PP. Serviulles cando estiveron na oposición, pero hoxe están no goberno e a culpa e a responsabilidade é súa exclusivamente”, engadiu.

    “Queren desviar a atención ata tal punto, que incluso a presidenta provincial, despois de todo o acontecido hoxe no pleno, se atreve a dicirlle aos medios cal debe ser o titular de mañá”, critica o popular, que convida á presidenta “a que reflexione, porque a culpa non sempre é dos demais, e ela como presidenta desta corporación algo ten que asumir, e que valore porque nesta casa os plenos non se poden debater nun clima de cordialidade e de normalidade”.

    A realidade, sostén Moldes, é que “é incapaz de dirixir os plenos, e hoxe tivemos o exemplo máis claro. Nesta casa houbo conflitos moito peores, con máis número de persoas, con maiores insultos... onde o anterior presidente os soubo dirixir de mellor maneira e se puideron celebrar”.

    Moldes tamén se referiu ás “graves e intolerables” acusacións ás que foron sometidos os populares durante o debate plenario e nas declaracións que fixo a presidenta Carmela Silva tras a sesión. “A diferencia entre eles e nós é que o PP condena todos os ataques sen excepción, sexan a quen sexan, e eles o que fan é criminalizarnos e acusarnos cando nada temos que ver neste conflito”, denuncia o voceiro, que tamén amosa o seu respaldo e do resto do grupo popular á voceira Nidia Arévalo.