Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP fai públicos o borrador do convenio e os correos entre o Concello e o Sergas para que quede claro «que o Bipartito mente»

    • O borrador do Convenio, cuxa redacción "é a acordada entre ámbalas dúas partes", inclúe na súa primeira cláusula o peche dos centros de Anafáns, Combarro e Raxó, o que demostra que o Bipartito estaba de acordo coa desaparición destes ambulatorios.
    • Para o PP, a publicación destes documentos demostra «quen dixo a verdade desde o primeiro momento e quen mentiu», e é a proba de que o Bipartito está quedando sen credibilidade «ante os veciños e ante o resto de administracións»
    • Indican que correos e borrador demostran que o Bipartito mentiu en todas as comparecencias públicas sobre este asunto: «Pedimos a mesma documentación á Xunta e ao Concello. A Xunta nola deu. O concello non. Iso demostra quen ten interese por que se coñeza a verdade e quen non»

     

    Poio, 1 de febreiro de 2018. O presidente do PP de Poio, Ángel Moldes, compareceu en Rolda de Prensa na sede da formación na Seca este mediodía para entregar aos xornalistas presentes e facer públicos dous documentos, que en opinión dos populares demostran «quen dixo a verdade, o PP, e quen mentiu desde o primeiro momento, o Bipartito».

    Moldes, que compareceu acompañado do concelleiro Juan José Rodríguez Grandal, remitiuse á súa rolda de prensa do pasado xoves 25, na que anunciou que o PP solicitara a Xunta e ao Concello unha copia do borrador do convenio para a construción do Centro de Saúde e que se faría público cando se recibise. Asimesmo, e a maiores desta solicitude por escrito, Moldes exlicou que no último pleno municipal pediu tamén unha copia das comunicacións entre o concello e a Xunta ademais da copia do borrador, ao que Sobral se negou: «Agora sabemos por que».

    Moldes pasou a ler un correo enviado pola Xerencia do Sergas ao alcalde o 20 de decembro ás 14:10, onde o xerente remítelle a Sobral o último borrador do Convenio facendo énfase en que a redacción do convenio “é a acordada entre ambas as partes”, e recórdalle que segun o acordado, a tramitación do convenio conleva dúas fases, e debe ser primeiro aprobado “no Pleno do Concello” e despois ser asinado. Ademais, explica que o Sergas inicia xa a tramitación do Convenio e o remite ao departamento xurídico, por se teñen que facer “algún mínimo axuste”, algo que pon en evidencia que «a redacción é a final e definitiva».

    Para Moldes, este correo demostra varias cousas: «En primeiro lugar, que cando o alcalde e o resto do Bipartito negaron que existía un borrador do convenio, era mentira, e estaba na mesa do Concello na súa forma definitiva, e plenamente acordado co Bipartito, desde o 20 de decembro». Ademais, explicou o popular: «Demóstrase que non é, como di o Bipartito “un convenio unilateral”, senón un acordo entre BNG, PSOE e o Sergas», algo que queda patente no e-mail.

    Ademais, Moldes explicou que o Sergas tamén facilitou aos populares o Borrador do Convenio, do que tamén entregou unha copia aos xornalistas: «Cal sería a nosa sorpresa cando na primeira cláusula di que o convenio “supón que os centros de Anafáns, Combarro e Raxó se integrarán físicamente na súa totalidade e serán substituídos polo único centro de saúde de nova construción”.

    Moldes resaltou que, ao contrario das mentiras difundidas polo Bipartito, a documentación deixa claro que «Había convenio, o convenio estaba acordado por todas as partes, e incluía o peche de Raxó e Combarro».

    Moldes indicou que «o único que fai o Sergas é remitir ao concello a redacción final do acordado nunha serie de reunións nas que participan o PSOE, o BNG e o propio Sergas» e subliñou que a documentación feita pública hoxe desmente as mentiras de PSOE e BNG e demostra que «xa ninguén se fía deles».

     

    Moldes recordou: «Isto nace na fallida ampliación de Anafáns, que era o convenio orixinalmente asinado co Sergas, que non se pode facer porque a parcela que propón o concello non ten edificabilidade», e indicou que unha vez que non se pode ampliar Anafáns pola chapuza do Concello, búscase unha solución por parte do Sergas e decídese facer un novo centro de Saúde en Poio, e se negocia en viarias reunións nas que estiveron presentes o BNG e o PSOE.

    «O equipo de goberno é o único responsable da preocupación pública que se despertou nos veciños polos posibles cambios e peches do centros», advertiu Moldes: «O Bipartito nunca deixou de mentir».

    «Por outro lado, o PP sempre dixo o mesmo», indicou, «Dixemos que non se ampliaba Anafáns porque había un problema de edificabilidade, e era certo, e cando trascendeu que o Concello tiña a intención de pechar os centros das parroquias, recordamos que dan un servizo esencial de proximidade, en particular a xente maior e con problemas de mobilidade».

    Moldes recordou que o PP non quere ser cómplice do teatrillo que quere facer o equipo de goberno, que incorreu nunha serie de contradicións e directamente mentiras aos veciños desde que se destapou o asunto: «Primeiro dixo que non había borrador, e si o había. Logo admitiu que había borrador, pero dixo que non figuraba o peche dos centros en ningunha cláusula, cando a primerísima clausula é o peche dos centros. Logo dixo que o convenio era redactado unilateralmente polo Sergas, cando as comunicacións demostran que o texto era consensuado. Dixeron que o querían levar a pleno correndo, despois que xa non o levaban a pleno e que non estaban obrigados, e os e-mails e o borrador demostran que antes de asinalo, estaban obrigados a levalo a pleno».

    «Estamos ante un problema grave para os veciños, porque este equipo de goberno non dixo unha soa verdade neste asunto, como en tantos outros. Este goberno non ten ningunha credibilidade e leva a mentira e a ocultación no seu ADN», explicou Moldes: «Fixo o mesmo co borrador do reglamento do cemiterio, fíxoo coa subida do IBI, coas beirarrúas da PO-308, coas de Campelo, coa Depuradora»...

    «Intentan agochar os documentos e ter aos veciños na máxima escuridade para non ter enfrontamentos, e despois intentan recuar, perdendo toda a credibilidade cos veciños e con todas as demais administracións e institucións cando a verdade sae á luz», explicou Moldes.

    Se desde o 20 de decembro o Bipartito tiña este borrador enriba da mesa, por que non enviaron un correo ao Sergas dicindo que non estaban a favor e en xaneiro saíron nos xornais dicindo que ían levar o borrador ao pleno –incluindo o peche dos centros- tan axiña como fose posible? Por que non dixeron unha palabra ata que os veciños comezaron a recoller firmas e os seus propios afiliados comezaron a protestar?, preguntou Moldes.

    «Cada vez vanse sabendo máis cousas. Xa houbo dúas peticións de reunión por parte do Sergas e o alcalde xa non responde. En decembro comprometeuse a levar o borrador ao pleno de xaneiro e logo puxo escusas de que había funcionarios de vacacións», explicou Moldes, que recordou que agora sabemos que o alcalde e todo o seu goberno mentiron en todas e cada unha das súas comparecencias en relación a este asunto desde decembro pasado.

    «Xa ninguén se fía deste goberno. Nos despachos da Xunta din unha cousa e ante os veciños din outra. Agora non teñen crédito ante as adminsistracións nin ante os veciños, porque non fan outra cousa que mentir. E o demostramos con documentación».

    Moldes rematou retando ao Bipartito a desmentir a documentación feita pública hoxe, e recordou que «o PP di a verdade e non fala de boquilla, senón con papeis».

    «Pedimos a mesma documentación á Xunta e ao Concello. A Xunta nola deu. O concello non. Iso demostra quen ten interese por que se coñeza a verdade e quen non»