Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP presenta unha campaña a favor da comarcalización con casos reais para demostrar a irresponsabilidade do Bipartito

    • O voceiro Ángel Moldes ofreceu unha rolda de prensa no antigo Hotel “Las Golondrinas”, en Andurique, escenario de varios incidentes nos últimos meses e “un exemplo claro dos beneficios da comarcalización”.
    • En decembro, os Bombeiros de Sanxenxo e Ribadumia acodiron por desprendementos na fachada pese a que o Parque de Pontevedra, situado en Poio, está a só 3 minutos.
    • En vídeos e infografías, os populares poñen outros exemplos reais e piden ao concello que sexa coherente, que se sume ao proceso de comarcalización e faga unha proposta “en beneficio dos veciños de Poio”.

                                                                       

    Poio, 15 de febreiro de 2018.- O voceiro do PP, Ángel Moldes, ofreceu unha rolda de prensa este mediodía nas inmediacións do antigo Hotel “Las Golondrinas”, en Andurique, na Parroquia de San Salvador, na que presentou a campaña “SI Á COMARCALIZACIÓN”, coa que os populares, utilizando exemplos reais, queren concienciar á cidadanía dos beneficios da comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra e poñer o acento sobre a irresponsabilidade do Bipartito ao negarse a apoiala.

    Moldes apuntou que este hotel, tamén chamado “Los Castros”, é un exemplo perfecto de como a comarcalización melloraría a atención de emerxencia en Poio, e recordou que o estado de abandono deste hotel e a súa utilización por persoas en situación marxinal provocan que sexa escenario de múltiples incidentes, como incendios e desprendementos na fachada.

    Moldes destacou o ocorrido en decembro do ano pasado, cando Bombeiros de Ribadumia tiveron que acodir a retirar unha letra do Cartel, por risco de desprendemento, ante a negativa dos Bombeiros de Pontevedra.

    Moldes recordou que os Bombeiros de Ribadumia están a 26 quilómetros do hotel, e tardaron media hora en chegar, mentres que os de Pontevedra, cuxo parque se atopa na mesma parroquia de San Salvador, en Poio, se atopan a apenas un quilómetro, e terían tardado 3 minutos.

    Moldes recordou que a comarcalización do Parque de Bombeiros de Pontevedra sería a mellor maneira de garantir un servizo máis áxil e eficiente en Poio. O PP presentou unha moción no pleno de xaneiro en apoio da comarcalización, e instando ao concello a facer unha proposta adaptada a Poio, segundo a que o Parque de Pontevedra, xa comarcalizado, pasaría a dar servizo preferente ás parroquias de San Salvador, San Xoán e Combarro, como mínimo, mentres que Raxó seguiría a ser atendida polos Bombeiros de Sanxenxo, como ata agora. A parroquia de Samieira sería obxecto dun estudo pormenorizado para determinar que servizo sería o máis axeitado.

    A moción, que contou co apoio da concelleira non adscrita, Silvia Díaz, foi rexeitada cos votos de BNG e PSOE, dándose a circunstancia de que foi necesario o voto de calidade do alcalde Luciano Sobral para desfacer o empate e rexeitar a moción

    “Non podemos entender que o concello, que é a administración competente en emerxencias, cando tivo a oportunidade de enviar unha mensaxe clara e defender os intereses dos veciños de Poio, non o fixese”, explicou Moldes: “E aínda é máis difícil de entender que uns días máis tarde o alcalde teña a desfachatez de sair nunha entrevista e dicir que el sempre apoiou a comarcalización”.

    “Estamos nunha parroquia que é a gran prexudicada se o Parque de Bombeiros de Pontevedra non se comarcalizase”, indicou: “Non hai que esquecer que o parque de Bombeiros está en San Salvador, e agora mesmo estamos diante dun edificio que exemplifica cada mes, de primeira man, esta situación”.

    “O que lle pedimos ao alcalde é que sexa coherente”, advertiu “Cando puido selo, non o foi e votou contra a comarcalización, e por riba despois dixo que estaba a favor”.

    “Entendemos que ese voto foi unha irresponsabilidade, e con esta campaña queremos facer un chamamento a que apoie firmemente a comarcalización e se una ao amplo consenso da Xunta, Fegamp, tres das catro deputacións e a maioría de alcaldes, para que a comarcalización, que xa avanza noutras provincias, sexa unha realidade”. 

    Moldes sinalou ao edificio e recordou que “calquera día pode ocorrer unha desgraza, e non pode ser que sexa ao día despois cando o Bipartito diga entón «a ver se agora podemos mellorar algo».

    A Campaña “Si á comarcalización” inclúe vídeos e infografías demostrando a diferenza dos servizos de emerxencia sen comarcalizar e comarcalizados con casos reais, e ademais da caida das letras no Hotel “Los Castros”, inclúe o incendio de marzo de 2016 na rúa Maceira, á que acodiron Bombeiros do Salnés (13,9 km, 19 minutos) e Ribadumia (27,8 km. 27 minutos), pese a que os de Pontevedra terían tardado só 11 minutos ao estar a 6,3 quilómetros.

    Tamén unha emerxencia en xuño do ano pasado na rúa Río Oitavén, a 4 minutos do Parque de Bombeiros de Pontevedra e a 30 minutos do Parque de Sanxenxo e 27 do de Ribadumia, así como outra emerxencia en outubro, na Seca, a 8 minutos do Parque de Pontevedra, 21 de Sanxenxo e 24 de Ribadumia.