Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP non recoñecerá ningún informe sobre o contrato da auga elaborado por unha empresa privada

    Rafael Domínguez lamenta que “o contrato máis importante para Pontevedra se convertese nun escándalo para o Concello”

    • “Descoñecemos as razóns polas que foi elixida esta empresa a dedo polo Goberno de Lores para decidir o futuro da xestión da auga durante vinte anos”, sinalan.
    • O informe aportado contén unha falsedade, pois a mesa de contratación non acordou que fose unha empresa privada a que se encargase da súa elaboración.

     

    Pontevedra 20, febreiro, 2018.- A formación que encabeza Jacobo Moreira reitera o seu rexeitamento ao informe sobre as ofertas presentadas no procedemento aberto para a xestión do servizo público de abastecemento de auga e saneamento do Concello de Pontevedra. “Non recoñecemos, nin imos recoñecer ningunha valoración elaborada por unha empresa privada”, indicou este martes o concelleiro popular, Rafael Domínguez, tras avanzar que o Grupo Popular votará en contra.

    “Non aceptamos que o contrato economicamente máis importante para o Concello de Pontevedra, que pode chegar a custarlle aos veciños de Pontevedra ata 213 millóns de euros, o decida unha empresa privada, pois descoñecemos as razóns polas que foi elixida a dedo polo Goberno de Lores”, destacou o edil popular en declaracións aos medios de comunicación.

    Xa o pasado venres, os populares amosaron a súa desconformidade co informe por este mesmo motivo. Pero, ademais, o informe que se aportou, que non era un borrador xa que estaba asinado pola empresa e polo Xefe da Oficina Técnica Municipal, afirmaba que a Mesa de Contratación encargou a esta empresa privada a elaboración do informe de valoración de ofertas. “Toda unha falsedade”, apuntou Domínguez pois, tras consultar a acta da mesa anterior, “comprobamos que en ningún momento se dixo que este informe se encargaría a unha empresa privada”. “Polo tanto, o que di este informe é falso”, sinalou o concelleiro popular tras insistir en que non se trata dun borrador xa que coas firmas se estaba a dar o visto bo ao documento.

    Para os populares, “este erro xa vicia de inicio todo o procedemento”. “O contrato máis importante para Pontevedra converteuse no maior escándalo do Concello”, apuntou Rafael Domínguez tras destacar “a mala imaxe que dimos a pasada semana ao desconvocar ás empresas concursantes, a maioría procedentes de fóra de Galicia, en medio do corredor da terceira planta de Michelana 30 para dicirlles que se fosen de volta porque non se ían abrir as ofertas económicas. Non é serio”.

    Dende o Grupo Popular insisten, “deben ser os técnicos municipais os que se encarguen de valorar as distintas ofertas presentadas para o contrato máis cuantioso do noso Concello, non unha empresa privada máxime cando se detectaron moitos erros no informe presentado”.

    Para Domínguez, “que o propio concelleiro nacionalista, Raimundo González, adiante que espera impugnacións por parte das empresas confirma que estamos ante un auténtico escándalo”. “Están a xogar cos cartos de todos os veciños de Pontevedra”, sentenciou.