Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP de Poio esixe ao Alcalde e á concelleira de Educación que se reúnan cos pais da aula na que caeu o teito, lles pidan perdón e asuman a súa responsabilidade

    • Para o PP é unha falta de respecto que Sobral e Caldas se reúnan con todas as ANPAS antes de sequera darlles explicacións aos pais afectados: «É a demostración de que lles preocupan menos a seguridade dos nenos que perder votos».
    • Recorda que a obra que provocou a caída do teito foi contratada polo concello “a dedo”, e recalca que de existir algunha responsabilidade política «é dos membros do goberno».
    • Nati Torres subliñou que «hai que ser moi irresponsable e ter moita cara» para facer as declaracións que fixo Marga Caldas «cos cascotes sobre os pupitres», e preguntou «cantas dimisións pediría o BNG se esta obra a tivese contratado a Xunta?»

                                                                       

    Poio, 20 de febreiro de 2018. A concelleira do PP Nati Torres reprochou hoxe á responsable de educación do goberno de Poio, a nacionalista Marga Caldas, os intentos de «desviar a atención para esquivar responsabilidades» do incidente sucedido este luns no CEIP Isidora Riestra ao caer o falso teito e unha parede de ladrillos dunha aula infantil durante a fin de semana.

    Segundo o informe realizado polos Técnicos de Educación, a estrutura viuse abaixo a raíz dunha obra contratada polo concello hai poucos anos, e que deixou un tabique dentro do falso teito. Como indicou onte a Xunta e recordou hoxe Torres, as obras que provocaron a caida do teito foron «contratadas polo concello e o propio concello tiña a obriga de facer o seguimento e certificalas», motivo polo que a Xefatura Territorial da Consellería esixiu onte explicacións ao concello de Poio. Torres recordou ademais que as obras foron adxudicadas «a dedo polo concello, sen concurso nin publicidade», polo que de existir algunha responsabilidade política polo suceso «serán exclusivamente dos membros do goberno de Luciano Sobral».

    Por ese motivo, Torres tildou de “tomadura de pelo” as declaracións de Marga Caldas este luns «cos cascotes aínda sobre os pupitres» coas que insinuaba que o derrubamento podía ser responsabilidade doutra administración: «Hai que ser moi irresponsable e ter a cara moi dura para intentar desviar a atención dunha obra contratada a dedo polo propio concello e que caeu no mesmo sitio onde pola semana se sentan nenos de 3 anos e no que podía ter sucedido unha auténtica traxedia».

    A concelleira popular lamentou que a Caldas, Sobral e todo o seu goberno «parezan máis preocupados polas consecuencias políticas e no custe en votos que na seguridade dos nenos», proba delo é a reunión convocada este martes coas ANPAS de Poio para, segundo Torres, «intentar confundir aos pais e desviar a atención da súa persoa e do equipo de goberno».

    «PARECEN MÁIS PREOCUPADOS POLOS VOTOS E AS CONSECUENCIAS POLÍTICAS QUE POLA SEGURIDADE DOS NENOS»

    A proba de que o que menos lles interesa son os nenos é que «o primeiro que tería que facer era reunirse cos pais afectados pola caída», e polo contrario onte fixo unha comparecencia para intentar esquivar responsabilidades políticas e botar balóns fóra cara outras administracións e hoxe fai unha reunión para falar de calquera cousa menos do teito que caeu no Isidoria Riestra por unha obra «contratada a dedo polo concello».

    Para a concelleira popular a actitude de Caldas está sendo dunha absoluta irresponsabilidade e unha falta de respecto: «Vai falar con todas as ANPAS do que pasou na Seca por unha obra do concello, ou vai quererlles vender o timo da estampita para esquivar a súa responsabilidade?»

    Torres recordou que desde o PP non se quixo converter este asunto en algo político, pero denunciou que «a actuación de Caldas non se pode consentir», e que intentar esquivar as súas responsabilidades e as de Luciano Sobral a costa da tranquilidade dos pais é intolerable: «Cantas dimisións pedirían se a obra pola que caeu o teito dun aula fose contratada a dedo pola Xunta ou por un goberno do PP?»

    Por ese motivo, Torres esixiu que Caldas e Sobral se reúnan inmediatamente e antes que con ningún outro colectivo cos pais dos alumnos que usaban a aula e «en primeiro lugar lles pidan perdón e lles expliquen claramente que sucedeu e porque sucedeu, e que foi por unha obra contratada e teóricamente supervisada polo concello; despois lles garanticen a inmediata reparación e que nunca volverá suceder; e asuman persoalmente todas as responsabilidades que teñan que asumir diante deses pais»