Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Veciños das rúas Benigno Esperón e Valiña denuncian fallos nas obras de acondicionamento da zona

    • A concelleira do PP de Poio Rocío Cochón reuniuse cos afectados e pedirá unha solución urxente na próxima comisión de urbanismo: «Hai coches que levan semanas sen poder saír dos garaxes».
    • Cochón explicou que as obras, realizadas cun préstamo da Deputación, provocan tamén filtracións en baixos e garaxes e molestias en negocios da zona, e que o alcalde Luciano Sobral coñece estes problemas pero «non dá ningunha solución».

                                                                       

    Poio, 22 de febreiro de 2018. A voceira do PP de Poio para asuntos urbanísticos, Rocío Cochón, reuniuse este xoves con representantes dos veciños das rúas Valiña e Benigno Esperón afectados por deficiencias nas obras de humanización que se están a realizar na zona desde finais de 2017.

    As obras, financiadas cun préstamo da Deputación, inclúen o soterramento de tuberías e de distintos suministros e a reposición das beirarrúas e o firme de Benigno Esperón, pero os veciños levan semanas denunciando distintos problemas producidos por deficiencias nestas actuacións, o principal, que a altura da nova beirarrúa dificulta e, nalgúns casos impide a saída dos coches do garaxe.

    A concelleira popular comprobou in situ esta problemática que afecta, como mínimo, aos usuarios do garaxe situado na rúa Benigno Esperón, que comparten os veciños do número 10 desta rúa e dos números 11 e 13 da rúa Valiña, que contan arredor de 40 vivendas: «Hai vehículos que non poden saír porque os baixos do coche quedan atrancados na saída á rúa pola altura da nova beirarrúa», explicáronlle representantes dos afectados, que recalcaron que algúns veciños levan semanas sen poder mover o coche», o que supón un grave prexuizo.

    Os veciños tamén denunciaron que o obra está a provocar filtracións de auga nalgúns baixos e garaxes de Benigno Esperón, e que despois das últimas choivas varios propietarios atoparon humidades, que sospeitan agravaranse co tempo. Ademais, negocios da zona denunciaron tamén dificultades para a carga e descarga de mercadorías e outros trastornos. Cochón constatou persoalmente todas estas problemáticas e anunciou que esixirá unha actuación ao Bipartito na vindeira comisión de urbanismo para poñer remedio o antes posible

    Os afectados insistiron en que non están en contra das obras en si, pero «a execución está deixando moito que desexar».

    Cochón lamentou tamén a impasividade de Luciano Sobral ante esta problemática, xa que os veciños dirixíronse ao rexidor varias veces nas últimas semanas para comunicarlle o problema pero Sobral non lles ofreceu «ningunha solución» máis aló de insistir que a medida da beirarrúa é “reglamentaria”: «De nada serve se non podemos mover o coche».

    Cochón recordou que estas obras están financiadas cun crédito da Deputación de 130.000 euros que o concello ten que devolver a razón de 9.000 euros cada ano, «aínda que o Bipartito no seu momento dicía que era unha subvención» e comprometeuse a esixir unha solución inmediata ante o concello: «É evidente que a situación non pode quedar así».