Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP mantén un encontro de traballo con Nava Castro e os empresarios hoteleiros de Poio

    • A directora xeral de turismo explicou as políticas turísticas que está levando a cabo a Xunta e as axudas e iniciativas que o goberno autonómico pon a disposición do sector.
    • Os empresarios expuxeron varias das preocupacións e retos do sector en Poio, como a desestacionalización, a ausencia da Depuradora, a falta de aparcamento, o transporte público e o PXOM.
    • A reunión enmárcase no programa de encontros sectoriais e de proximidade do PP de Poio con veciños, profesionais e colectivos do municipio.

     

    Poio, 1 de marzo de 2018.- O PP de Poio propiciou este mércores un encontro de traballo en Combarro entre os empresarios hoteleiros de Poio e a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro.

    A reunión, á que asistiron unha veintena de responsables e propietarios de aloxamentos turísticos de Poio, serviu para que Castro fixese un balance do sector no noso municipio, explicase as iniciativas e axudas que a Xunta pon á disposición destas empresas, e para que os profesionais turísticos fixesen chegar á máxima responsable do turismo a nivel autonómico as súas preocupacións e inquedanzas.

    Nava Castro, acompañada tamén do presidente da asociación de hostaleiros de Poio, Manuel Corrales, e o presidente local do PP, Ángel Moldes, comezou facendo balance do ano 2017, o mellor ano ata o momento para o turismo galego, que medrou en todos os parámetros tanto en Galicia como na provincia de Pontevedra, e que suma 4 anos consecutivos de crecemento e acadou o ano pasado máximos históricos, con máis de 1,4 millóns de viaxeiros aloxados e preto de 3,4 millóns de pernoitas en establecementos da provincia e un importante aumento de turistas en todos os mercados.

    Nava Castro agradeceu o traballo dos profesionais do sector alí representados, posto que grazas ao esforzo continuo de todos, Galicia é un destino cada vez máis competitivo, e indicou que o principal obxectivo de 2018 será afianzar a nosa comunidade como destino de calidade, e de afondar na desestacionalización e a diversificación.

    A directora xeral recordou as distintas axudas que o goberno autonómico ofrece periódicamente para a renovación dos establecementos, así como para a cooperación de pequenas empresas turísticas, e recalcou os esforzos da Xunta para poñer en valor a oferta turística dos municipios. Castro ensalzou os atractivos turísticos de Poio, como o patrimonio histórico e cultural, os seus tesouros naturais, a recoñecida gastronomía e os atractivos das distintas parroquias e lugares do concello, desde o monte Castrove ata os 20 quilómetros de costa con praias bandeira azul, pasando polos petróglifos da Caeira, os roteiros dos muíños, o Mosteiro, os arenais de Raxó ou o mundialmente coñecido Conxunto Histórico de Combarro.

    Durante a reunión, que se prolongou por espazo de dúas horas, os empresarios expuxeron as inquedanzas e preocupacións do sector en Poio, como a necesidade de traballar na desestacionalización do Turismo, e de acadar fóra de tempada alta. Varios dos profesionais falaron da problemática da falta dunha depuradora en Poio, co risco que supón para o medioambiente e para a reputación turística do destino, tanto polas praias como pola actividade marisqueira e a gastronomía local.

    Outro asunto que foi mencionado na reunión por distintos profesionais foi a importancia dun transporte público que comunique regularmente ao concello coa capital provincial e outros municipios da provincia, e se falou da inclusión de Poio no Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra promovido pola Xunta e outras iniciativas como o “Transporte a Demanda”. 

    Ademais, os asistentes mencionaron a escaseza de aparcamento en Combarro e Raxó, especialmente durante picos de ocupación, como un dos problemas que inquedan ao sector, e da da conveniencia de axilizar a tramitación do novo PXOM, tamén para o sector turístico.

    O encontro inscríbese no programa de encontros sectoriais iniciado polo PP para coñecer as demandas dos distintos sectores do municipio, e que se enmarca na política de proximidade á cidadanía promovida polo PP de Poio. O voceiro popular, Ángel Moldes, recalcou a importancia de coñecer as demandas dos profesionais dun sector do que dependen centos de familias de Poio e que é un motor da economía do noso concello.