Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP recorda que «pese ao paripé do BNG» Luciano Sobral aínda non pediu unha reunión co Sergas

    • O concelleiro Tucho Muíños recorda que, despois de dúas mocións aprobadas unánimemente no Pleno, o alcalde nin intentou reunirse con Sanidade nin aceptou as datas ofrecidas polo organismo autonómico.
    • Para os populares, isto «demostra a falsidade da campaña do BNG, que finxen un falso interese pola sanidade, pero nin axilizan o convenio para o novo centro, nin o mantemento dos actuais, nin intentan resolver os problemas que denuncian».
    • Muíños recorda que o alcalde «representa a todos os veciños» e non debe apoiar campañas con escuras intencións, «senón traballar para solucionar os problemas dos veciños de Poio».

     

    Poio, 2 de marzo de 2018. O concelleiro do Partido Popular de Poio, Tucho Muíños, recordou este venres que, pese á campaña do BNG «con escuras intencións» sobre os centros de Saúde, a realidade é que o alcalde Luciano Sobral nin solicitou ningunha reunión cos responsables do Sergas e nin aceptou as datas que lle ofreceu para reunirse o organismo autonómico, como recoñeceu o propio rexidor no pleno municipal celebrado este martes.

    Para Muíños, este recoñecemento demostra que tanto as accións levadas a cabo polo BNG estas semanas como as mocións presentadas nos últimos plenos polos partidos do Bipartito son «un paripé» que finxe un falso interese polo que ocorre nos centros de saúde.

    Muíños recordou que ao rematar o pleno de febreiro, no que se aprobou por unanimidade unha moción do Bipartito practicamente idéntica á aprobada no pleno de xaneiro, os populares preguntaron se o alcalde pedira reunirse co Sergas para tratar os problemas que denuncia nos centros, ou ben para axilizar a firma do convenio para a construción dun novo centro ou o mantemento dos ambulatorios de Raxó e Combarro, e a resposta foi que NON. Ademais, os populares confirmaron que o Bipartito tampouco aceptou as datas ofrecidas polo Sergas para reunirse e tratar eses temas. 

    O popular recordou que o PP apoiou as dúas resolucións no pleno a favor da sanidade e do mantemento dos centros de Raxó e Combarro, e que sempre está a disposición para solucionar calquera carencia ou problema en canto a substitución de médicos de cabeceira ou listas de agarda pero «está claro claro que iso non é unha prioridade do equipo de goberno, porque calquera alcalde, do partido que sexa, se existe un problema, neste caso cos centros sanitarios, o primeiro que fai é pedir unha reunión para solicitar solucións, pedir axilidade».

    De igual maneira, se Sobral ou alguén do seu goberno tivese algún interés en manter abertos os centros de saúde ou axilizar a sinatura do convenio para a construción do novo centro «xa tería pedido unha reunión ou polo menos aceptaría os intentos do Sergas de reunirse con el», explicou Muíños. «Non pode ser que despois dun mes desde a primeira moción e tras aprobar outra idéntica aínda non atopase un oco na axenda para abordar este tema», ironizou.

    Muíños denunciou que o Bipartito «fai campañas, reparte folletos e despois nin se reúnen nin intentan solucionar nada», polo que é evidente que as campañas son «como mínimo, un paripé» se non algo peor, e é que para o PP poden esconder un intento de xustificar o peche deses centros «sen oposición».

    Muíños recordou que ao longo de xaneiro, o PP destapou varias mentiras do Bipartito que demostraban que a decisión de pechar os centros de Raxó e Combarro fora tomada polos propios concelleiros de PSOE e BNG e que recuaron ao ver a reacción dos veciños. Agora, ademais de intentar conseguir ese peche «as agachadas», Muíños lamentou que Sobral nin sequera amose un mínimo interese en reunirse cos responsables do Sergas, o que demostra a falsidade da campaña do BNG.

    «O alcalde é o represenante de todos os veciños, e o que ten que facer non é poñer escusas de mal pagador e escusarse nas competencias, senón traballar para solucionar os problemas dos veciños de Poio»