Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP anuncia as datas do retorno a Poio dos creadores do Bosque de Colón: do 13 ao 15 de abril

    • Xa se coñecen as datas nas que o profesor John H. McElroy e varios dos “Columbus Kids” americanos que plantaron o Bosque de Sequoia máis grande de Europa regresarán ao monte Castrove
    • Os populares celebran que a visita da expedición estadounidense e a recuperación desta singular historia estea a concitar a atención de numerosos medios e esperan que sirva para aumentar a proxección nacional e internacional de Poio.

     

    Poio, 5 de marzo de 2018. O PP confirmou este luns as datas da visita a Poio do profesor estadounidense John Harmon McElroy, principal impulsor do Bosque de Colón, acompañado de algúns dos integrantes da expedición que plantou os 500 exemplares de sequoia na cimeira do Monte Castrove en decembro de 1992.

    O profesor McElroy e varios dos “Columbus Kids”, xunto ás súas familias, regresarán a Galicia durante a fin de semana do 13 ao 15 de abril, apenas uns meses despois do 25 aniversario da plantación en Poio do bosque de sequoias máis grande de Europa, un agasallo do pobo estadounidense ao español que quedou reflexado na Resolución Conxunta nº 529 do 102º Congreso de Estados Unidos, aprobada polo Senado e a Cámara de Representantes deste país e ratificada polo presidente George H. W. Bush en 1992 en conmemoración do V Centenario da viaxe de Cristovo Colón.

    McElroy, un catedrático hoxe retirado da Universidade de Arizona que coñecera Galicia na década dos 60, ideou esta orixinal homenaxe a Colón, conseguiu o respaldo do lexislativo e o executivo estadounidenses e o Estado de California, entre outros, e co apoio de institucións e benefactores a ambas as marxes do Atlántico, organizou a expedición de escolares de distintos estados americanos que plantou o Bosque de Colón xunto con rapaces de Poio.

    O Partido Popular de Poio, que recuperou esta peculiar historia nos últimos anos, impulsou a declaración de 2017 como “Ano do Bosque de Colón” e levou a cabo distintas iniciativas para difundir este legado descoñecido, conseguiu contactar con McElroy a finais do ano pasado e, despois de varias conversas e comunicacións, comunicou que McElroy, xunto con varios dos escolares estadounidenses e as súas familias, volverá a Poio a visitar o Bosque de Colón e a comprobar por si mesmo a saúde das sequoias, que hoxe alcanzan os 10 metros de altura grazas aos coidados da Comunidade de Montes de San Xoán.

    O profesor, que durante estes meses forneceu aos populares de abundante documentación, fotografías, contactos e testemuñas de gran valor sobre os primeiros pasos da arboreda, confirmou que a coñecida como “Columbus Grove Gift Anniversary Expedition (Expedición polo Aniversario do Agasallo do Bosque de Colón)” estará en Poio entre o 13 e o 15 de abril, e incluirá a varios dos mozos e mozas, hoxe na corentena, que xa acompañaran a McElroy hai 25 anos, e que se coñecen entre si desde entonces co alcume de “Columbus Kids”.

    A concelleira do PP Rocío Cochón celebrou a repercusión que están a ter as distintas accións do PP para dar a coñecer o Bosque e a súa peculiar historia, despois de décadas de abandono por parte dos gobernos locais, e agradeceu particularmente o interese de moitos particulares, e medios de todos os ámbitos que se están a facer eco do retorno de McElroy e os “rapaces de Colón”: «Esperamos que este traballo sirva para multiplicar a proxección nacional e internacional do noso concello e poñer en valor todo o patrimonio natural, cultural, histórico e humano do noso concello»