Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP de Poio achaca as mentiras e os insultos do Bipartito ao medo de que o IBI «lles custe a alcaldía»

    • Os populares presentan unha moción coa proposta consultada á asemblea veciñal do domingo, pedindo a rebaixa do tipo do IBI do 0,47 ao 0,43, «lonxe do mínimo legal», e a creación de posibles bonificacións potestativas, inexistentes en Poio.
    • Ángel Moldes desminte con abundante documentación as distintas acusacións do Bipartito e non vai entrar nas provocacións e os insultos que, di, son froito da falta de argumentos e o nervosismo: «por cada insulto do BNG e o PSOE, unha proposta nosa».
    • Recalca que o PP foi o único partido que informou, tranquilizou e asesorou aos veciños, fronte á ocultación, as mentiras e o afán recadatorio do goberno: «Nós estivemos cos veciños, o Bipartito non deu a cara, non informou e agora ao verse acurralados minten e insultan. Quere dicir que vamos polo bo camiño».

     

    Poio, 15 de marzo de 2018. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, compareceu esta mañá en rolda de prensa para responder «ás acusacións e os insultos verquidos o mércores polo alcalde e parte do seu grupo de goberno» e para «poñer a cada un no seu lugar», explicou, con datos e documentación.

    A rolda de prensa do voceiro popular, que estivo acompañado dos ediles Rocío Cochón e Manuel Domínguez, produciuse un día despois dunha comparecencia do alcalde e o seu equipo de goberno na que, «como de costume, Sobral, Besada e o resto do Bipartito mentiron publicamente á xente de Poio e aos medios de comunicación», ademais de insultar ao Partido Popular e faltarlle ao respecto aos afectados e a todos os veciños, uns insultos que para Moldes son froito «do medo medo por que a problemática do IBI e os seus propios enganos e mentiras ao longo destes meses lles custen a alcaldía» nas próximas eleccións municipais. Moldes revelou tamén que a comparecencia do Bipartito veu motivada porque o día antes o PP presentou unha moción para a rebaixa do IBI.

    Moldes recriminou ao Bipartito que chamasen “campaña de desinformación e datos falsos” ás asembleas veciñais sobre o IBI que os populares levan realizando desde o pasado ano, e na que o PP só utilizou información e documentos oficiais e informes técnicos, e preguntou irónicamente: «Cal foi a campaña do concello?».

    Ademais, Moldes recalcou que «todo o que dixo o PP, cada cousa que informou ou avisou foise cumprindo», polo que dixo descoñecer de que datos falsos fala o Bipartito: «Cales son eses datos falsos? Os números de afectados e as cifras de atrasos e recibos que figuran no informe oficial? A información de que toda a recadación do IBI é para o concello? O asesoramento que lle fixemos aos veciños de que poden esperar a pagar a despois do día 20? Que poden pedir o fraccionamento?», Moldes indicou que toda esa información, veraz e contrastada, deulla o PP aos afectados, mentres que o Bipartito «non os informou de nada».

    Moldes acusou en particular a Luciano Sobral de estar molesto «porque o PP fixo o papel que debería ter feito el, e demoslle tranquilidade e solucións a veciños moi preocupados por cartas donde tiñan que pagar 100, 500, 3.000, 4.000 ou ata 7.000 euros». Moldes explicou que na asemblea informativa deste domingo o PP aclarou aos afectados que as cartas que están chegando agora e que dan como prazo para pagar o día 20 refírense a un período de pago voluntario e que poderán pagar máis tarde ou mesmo solicitar un fraccionamento. Moldes recordou que foi o PP quen asesorou aos veciños que fosen ao ORAL e comprobasen a posibilidade de fraccionamento e se tiñan algún interese ou recargo: «Nos e informamos, tranquilizamos e asesoramos, é dicir, o que non fixo o alcalde nin o seu goberno e que a xente espera que faga un alcalde».

    Moldes pasou a desmentir moitas das informacións falsas que deron os membros do Bipartito en rolda de prensa, e incidiu en que «as únicas vítimas das mentiras do concello son os afectados, que non son poucos: Os veciños que xa pagaron atrasos, os veciños que os van pagar e os veciños que en agosto van atoparse cunha subida»

    «Din que estamos a crear problemas onde non existen», reprochou Moldes: «É unha falta de respecto aos veciños que teñen cartas de pago por centos ou miles de euros dicirlles que ese problema “non existe”», explicou, e retou a Sobral e a Besada «a ir ás casas deses veciños a dicirlles que pagar 5.000 euros de atrasos non é un problema. Se cadra para os membros do Bipartito pagar esas cantidades non é un problema, pero para a inmensa maioría de veciños si o é». 

    DATOS FALSOS DO BIPARTITO

    En primeiro lugar, e apoiado nunha pantalla na que aparecían os documentos oficiais e distinta información, Moldes desmentiu as cifras achegadas onte polo concelleiro de Facenda, e denunciou que «non é a primeira vez que dá cifras falsas aos medios de comunicación para intentar confundir aos veciños».

    Moldes insistiu en que segundo o informe técnico oficial, o concello de Poio recadará este ano 639.835,07 euros só en atrasos máis unha subida do padrón do IBI de 177.552,55 euros, por un total de 817.387,62. A esta cantidade haberá que sumarlle os máis de 3.000.000 de euros que ingresou o concello en 2017 por IBI e os recibos e atrasos de todos os contribuintes que presentaron alegacións, co que a recadación por IBI do concello de Poio, que ingresará integramente o Concello, será de catro millóns de euros ou máis, o que confirma a información dada polo PP desde hai meses.

    «Se nalgo nos equivocamos foi en que nos quedamos curtos, porque ao principio dixemos prudentemente que o Concello cobraría 400.000 € de atrasos cando realmente será moito máis», explicou Moldes, e amosou recortes de prensa que demostran o afán recadatorio do Bipartito: «Hai exactamente un mes, Xulio Barreiro dicía que “lamentablemente” o concello non ía ingresar catro millóns, pero que “xa lles gustaría”, e que “firmaría” por ter eses ingresos. O único disgusto que teñen e que aínda lles parece pouco».

    «SEMPRE DIXEMOS QUE A TAXA DE 60 € NON ERA PARA O CONCELLO»

    Moldes tamén desmentiu, apoiado nunha gravación da última asemblea, a afirmación do Bipartito de que “O PP dicía que a taxa de regularización era para o concello”: «Iso é mentira. Podémolo demostrar con todo tipo de probas e, sobre todo, cos asistentes ás asembleas. Desde o primeiro momento dixemos que os 60 da taxa de regularización eran para Catastro e non para o concello, e tamén dixemos que os 60 € non se solucionaban nada e que os atrasos e os recibos que lles ían chegar a continuación eran exclusivamente para o Concello».

    O BIPARTITO PUIDO EVITAR O PAGO DE ATRASOS E TAXAS COMO OUTROS CONCELLOS E NON QUIXO

    Moldes tamén utilizou recortes de prensa para desmentir outra das afirmacións do Bipartito: «En Cambados –gobernado, entre outros, por BNG e PSOE- ou A Estrada tomaron medidas para evitarlles aos veciños o pago da taxa e dos atrasos. O Bipartito de Poio non quixo. En Poio o único que saiu foi o concelleiro de Facenda dicindo “quen nos dese recadar catro millóns”, e non informaron nin axudaron aos veciños».

    O BIPARTITO MINTE SOBRE AS PROPOSTAS DO PP

    Unha das mentiras máis evidentes da rolda de prensa do Bipartito foi a referida ás propostas do PP xa que, como explicou Moldes, o goberno acusou ao popular de pedir “unha bonificación para os galpóns”, acompañando esa falsidade de insultos ao PP: «Non imos entrar nas provocacións e nos insultos do Bipartito, en particular de Xulio Barreiro e os concelleiros do PSOE», explicou Moldes. 

    «Estes insultos veñen motivados por 3 cousas: En primeiro lugar, por falta de argumentos técnicos ou políticos para poder rebaternos; en segundo lugar, porque ven como rematou un ciclo político no que non saben debatir e só insultar; pero sobre todo, son froito do medo e o nervosismo de que as súas mentiras sobre o IBI lles custen a alcaldía» 

    MOCIÓN DO PP PARA REBAIXA DO IBI E ESTUDO DE BONIFICACIÓNS

    Moldes pasou a presentar a moción que se debatirá no próximo pleno e que ten dous puntos: A baixada do IBI do 0,47 actual ao 0,43, «lonxe do mínimo legal de 0,40» e o estudo de posibles bonificacións do IBI aos veciños. Pero pedimos que se estuden as bonificacións que permite a lei, como familias numerosas, vivendas con placas solares, vivendas cos membros en paro»..., explicou Moldes: «En Poio non se aplica ningunha bonificación. Pedimos que haxa algunha, pero eles mentiron dicindo que nós queríamos bonificar granxas ou galpóns. Toda a comparecencia deles foi unha gran mentira».

    Moldes preguntou «por que onte en lugar de insultar o alcalde e o seu equipo non aproveitaron para informar aos veciños sobre o IBI, sobre os prazos de pago, sobre os afectados? Por que en vez de insultar ao partido maioritario non dixeron, por exemplo, que os veciños poden esperar a pagar despois do 20, como si fixemos nós?». Para Moldes, esta actitude do Bipartito é porque «o único que buscan e cobrar o máximo diñeiro o antes posible e usar estes 4 millóns de euros para comprar votos. De aí as ansias do Bipartito de que a xente pague e non teña información. De aí os insultos».

    Pero Moldes recalcou que «Por cada insulto deles nós faremos unha proposta. Por cada mentira deles nós propoñemos unha alternativa», e explicou que a moción que presentará este mes o PP no pleno é unha moción «cunha proposta seria e responsable para que os veciños poidan ir recuperandose dos atrasos pero o concello non deixe de ingresar». Ademais, a proposta ven dun cálculo con datos obxectivos e está respaldada polos veciños en asemblea. 

    «SE NOS INSULTAN É QUE O ESTAMOS FACENDO BEN»

    «Se nos insultan quere dicir que o estamos facendo ben», explicou Moldes, que recalcou que a moción deixa aberta a posibilidade de introducir bonificacións potestativas na ordenanza fiscal de Poio, «xa que agora mesmo o Bipartito non ten ningunha».

    Moldes recordou que «o que non merecen os veciños de Poio é un goberno que os engana e lles mente publicamente, que lles falta ao respecto, e que insulta ao grupo maioritario na corporación por presentar mocións que solucionan os problemas dos veciños», e denunciou que «o Bipartito está moito máis preocupado por perder a alcaldía polas súas mentiras en relación ao IBI que por solucionar o problema dos afectados».

    Moldes rematou insistindo en que todo o que foi dicindo o PP nos últimos meses na prensa, nas asembleas e en privado é sempre o mesmo e sempre verdade, e contrastou esta política honesta coas mentiras e a ocultación do Bipartito «moi similar ao que fixo co regulamento do Cemiterio e con tantos outros asuntos», e recordou aos veciños que o grupo municipal popular «seguirá traballando para eles: co apoio de todos os veciños seremos capaces de obrigar ao Bipartito a rectificar e poñer dunha vez ao goberno local ao servizo dos veciños. Se os veciños queren e nos apoian, o Bipartito non terá máis remedio que aceptar a proposta realista e solidaria do PP, baixar o IBI e aplicar bonificacións».