Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O bipartito volve dar as costas aos veciños de Campelo e vota “non” a achegar os terreos para as beirarrúas.

    •  A moción do PP para axilizar a construción das beirarrúas en Campelo foi rexeitada polos concelleiros de BNG e PSOE. A concelleira independente S. Díaz se abstivo.
    • Para a edil campelense ‘Nati’ Torres, do PP, a negativa do bipartito demostra que as fotos e declaracións recentes de Concello e Deputación son “unha montaxe”.
    • Torres pediu que o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez aclare se as condicións cambiaron co novo goberno provincial e o Concello xa non ten que achegar os terreos porque xa “se vai encargar a Deputación”.
    • A concelleira popular lamentou que os membros do goberno non lle fixesen caso cando lles pediu que fixesen alegacións ao protocolo da Deputación, tirando “os cartos dos veciños nun proxecto que agora é inservible”.

     

    Poio, 1 de xuño de 2016.- A concelleira ‘popular’ Natividad Torres, lamentou hoxe a falta de apoio dos concelleiros de BNG e PSOE á moción presentada polos populares no pleno deste martes para axilizar a instalación das beirarrúas en Campelo.

    A voceira do PP de Poio para esta veciñanza explicou que, con esta postura, nacionalistas e socialistas “volveron dar as costas aos veciños de Campelo”.

    En opinión de Torres, esta negativa a apoiar o texto presentado polos populares –que instaba ao Concello a poñer a disposición da Deputación de Pontevedra “os terreos necesarios para a construción das beirarrúas”- demostra que certas informacións recentes onde os concelleiros do bipartito aparecían con responsables provinciais anunciando avances no proxecto das beirarrúas “non eran máis ca unha montaxe”.

    Torres criticou que os concelleiros do BNG non sexan quen de pasar “das palabras e as fotos aos feitos”, e deixou claro que as reunións destes días entre o goberno de Poio e a Deputación para falar das beirarrúas de Campelo foron grazas exclusivamente ao Partido Popular: «Despois de que presentásemos a nosa moción, eles estaban forzados a facer algo para que parecese que había movemento».

    “Lamentablemente”, apuntou Torres, “cando tiveron a oportunidade de apoiar no pleno a cesión dos terreos para axilizaren a construción das beirarrúas, viuse que o compromiso do bipartito non é real”.

    A concelleira popular insistiu en que a foto dos concelleiros do goberno de Poio co responsable provincial “foi forzada pola nosa moción” e indicou que o deputado Uxío Benítez “terá que dar explicacións”. A popular criticou que Benítez se remitise ao anterior presidente da Deputación, acusando a Louzán de non facer nada, e recordou que Louzán se reuniu cos veciños e co Concello de Poio, impulsou un acordo co Concello e mesmo chegou a ofrecer a axuda económica do ente provincial, “que xa é máis do que fixo o sr. Benítez”.

    Torres tamén pediu que o deputado de Mobilidade aclare “se cambiaron as condicións para os terreos, e se xa se vai encargar a Deputación de achegalos ou continúa sendo responsabilidade do Concello”.

    Ademais, Torres lamentou que o goberno local de Poio non a escoitase hai uns meses cando pediu “que se fixesen alegacións ao novo ‘decálogo’ de actuación da Deputación”.  Torres lembrou que en xaneiro ela advertiu que o novo protocolo de obras da institución provincial “impedía a obra das beirarrúas de Campelo”, como confirmaron esta semana o deputado provincial e os membros do goberno na reunión.

    “Se me fixeran caso no seu momento”, explicou Torres, “verían que o proxecto de urbanización redactado polo Concello –e pagado polos veciños- xa non vale e hai que facer outro xusto cando menos cartos hai nas arcas locais”, polo que acusou ao goberno de “tirar os cartos dos veciños” nun proxecto agora inservible.

    Torres insistiu en que non parará “ata ver que estean feitas as beirarrúas de Campelo, como lle prometín aos meus veciños”, pero apuntou que “lamentablemente, non creo que sexa posible ata que volva gobernar –no concello e na Deputación- o Partido Popular”.