Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O grupo provincial do PP pide que se dea un novo impulso á Ruta do Viño das Rías Baixas e renoven o convenio de colaboración

    • Luis Aragunde recorda que os gobernos populares na Deputación apoiaron economicamente esta iniciativa, tanto para o seu funcionamento diario como para as actividades que desenvolven ao longo do ano.
    • Para o voceiro Ángel Moldes “que o novo goberno teña dúbidas para apoiar a un sector tan importante como o viño xa non ten análise nin comentario”.

    Cambados, 08 de xuño de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular pediu esta mañá en Cambados ao goberno bipartito da Deputación de Pontevedra que renove o convenio de colaboración coa Ruta do Viño das Rías Baixas, co obxectivo de dar un novo impulso á entidade e apoiar economicamente tanto o funcionamento diario da ruta como as actividades que desenvolven ao longo do ano. Entenden que é unha ferramenta moi importante para a provincia, xa que practicamente todos os concellos que están baixo o amparo da denominación Rías Baixas se incorporaron a esta ruta, que permite desestacionalizar o turismo, potenciar os viños e a economía local destes concellos.

    O voceiro do grupo popular, Ángel Moldes, e os deputados Luis Aragunde e Salomé Peña elixiron a Praza de Fefiñáns e a adega máis antiga de albariño que se coñece en toda a denominación de orixe Rías Baixas para esixir a renovación deste convenio. Defenderon que tanto o turismo como a viticultura son dous sectores moi importantes e sensibles para a provincia, e entenden que “Carmela Silva ten que implicarse, porque para todas as zonas da orixe Rías Baixas é importante este convenio e manter esta actividade”.

    Luis Aragunde subliñou que “levamos anos traballando, foise incrementando o número de turistas, foise incrementando a calidade das adegas… Moitos adegueiros fixeron un esforzo económico e adaptaron as súas adegas para recibir turismo, e agora son grandes embaixadores da zona, se está dinamizando a economía local e estase dando máis prestixio aos nosos viños”.

    O deputado popular recordou que o último convenio que se asinou coa Deputación de Pontevedra foi en novembro de 2014, por importe de 70.000 euros. “A finais de 2015, que era cando tocaba, non se firmou. Naquel momento non queriamos presionar, entendíamos que era un goberno que acababa de chegar e tiña que asentarse. Pero estamos xa en xuño, non se sabe nada dese convenio e nos orzamentos aparece ningunha partida para este convenio”, sinalou.

    Pola súa parte, Salomé Peña puxo en valor que gracias a esta ruta “milleiros de visitantes se achegan aos concellos da denominación de orixe para coñecer toda a cultura do viño, desde as adegas, os viñedos, os museos...”.

    Para Ángel Moldes “que o novo goberno teña dúbidas para apoiar a un sector tan importante como o viño xa non ten análise nin comentario”. Destacou a labor dos deputados populares da comarca do Salnés, Luis Aragunde e Salomé Peña, porque di “son os que están levando a voz da comarca á Deputación”. Nesta liña, recorda que as únicas mocións que deron voz aos “problemas reais” que ten a comarca son as que presentaron os deputados do PP.

    “Se comparamos o peso político e o peso en inversións cando era presidente Rafael Louzán e o que hai agora, ninguén ten dúbidas que a nova deputación prexudica ao Salnés”, dixo. Por iso lle pediu unha reflexión aos veciños da comarca, “agora veñen unhas novas eleccións e deben valorar o que era antes a comarca para o Partido Popular e no que se ten convertido con este goberno bipartito na provincia”. Entende que “é importante volver a recuperar o protagonismo desta comarca”, e pide “aos alcaldes novos, que dicían que ían defender sen intereses partidistas aos seus veciños, que alcen a voz e que pidan o que os veciños do Salnés realmente merecen”.