Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Ángel Moldes esixe ao alcalde de Poio que se tome en serio o problema da falta de estacionamento en todo o concello

    • A solución pasa por comprar e alugar terreos para dar alternativas de estacionamento a veciños, empresarios e visitantes, e sacar adiante un novo PXOM pensando nos veciños e non nos amigos do Bipartito e que aposte por un urbanismo aberto en vez de convertir a propia PO-308 nun túnel.
    • Denuncia un problema «real, estructural e transversal» que afecta a todas as parroquias e insta ao alcalde a aplicar políticas serias para que o seu legado, despois de 25 anos, non consista unicamente en fotos.

     

    Poio, 12 de xuño de 2018. O voceiro do PP de Poio Ángel Moldes reclamou hoxe a Luciano Sobral e ao seu equipo que despois de case 25 anos na alcaldía «comece a tomar en serio o déficit de aparcamento en todo o concello», un problema real que afecta a todas as parroquias e á maioría de veciños e empresarios de Poio.

    Moldes advertiu ao rexidor que «non se pode encher a boca dicindo que Poio está a crecer» ou falando do potencial turístico do concello se ese crecemento e ese potencial non se corresponde co traballo que fai o concello para proporcionar servizos a residentes e visitantes. Moldes subliñou que a falta de estacionamento é un problema «real, estructural e transversal» do concello que Sobral non se tomou en serio nas súas máis de dúas décadas na alcaldía, e instou ao alcalde a «realizar obras serias e aplicar políticas serias».

    Moldes recordou que a falta de estacionamento afecta a todas as parroquias e á maioría de veciñanzas de Poio, con varios exemplos, e apuntou que gran parte destes problemas residen na falta de criterio e dirección urbanística, xa que «non se pode entender que vieiros recén construidos sexan máis estreitos que rúas antigas» e denunciou que en moitos casos o concello incumpriu as súas propias normas no que se refire á provisión de aparcamento, xa que concedeu licenzas sen atender aos ratios entre vivendas e prazas de estacionamento recollidas no PXOM actual.

    Moldes fixo un repaso dos problemas de aparcamento en distintos lugares de Poio: «En San Salvador, en zonas como Porteliña fixéronse edificios e vivendas e en lugar de abrir novas rúas e zonas amplias, o que se fixo foi facer un túnel da PO-308 e facer rúas máis estreitas como na zona do semáforo de Porteliña», explicou Moldes, que tamén subliñou os problemas de estacionamento cos que se atopan os usuarios do Centro de Saúde de Anafáns, na contorna de centros de ensino como o SEK ou o colexio de Viñas e outras zonas.

    O voceiro popular temén se referiu aos problemas de aparcamento na parroquia de San Xoán, e puxo como exemplo as proximidades da avenida San Xoán ou o núcleo de Campelo: «Un dos lugares onde máis se licenzas de construcción concedeu o Bipartito pero sen preocuparse de que houbese espazo de aparcamento nin servizos», unha falta de previsión que agora «pagan os veciños e as empresas». Moldes tamén denunciou “absurdos” como na zona do Xulgado de Paz, onde «houbo que transformar unha rúa de dobre sentido por unha de sentido único por falta de aparcamento», o que dá unha idea da falta de dirección política no urbanismo dos gobernos de Sobral.

    «En Combarro se cabe o problema é aínda máis grave e agrávase no verán», explicou Moldes, que recordou a endémica falta de aparcamento nesta parroquia, que vai a máis polas decisións do Bipartito: «É incomprensible que aínda non se asinase o convenio para aparcar na Canteira, dando prioridade ao sector do mar pero convivindo co turismo e coa hostalaría, o hospedaxe e mesmo cos veciños do centro histórico», lamentou o popular, que advertiu que o problema non se limita á contorna do peirao, recordando que o PP leva anos esixindo alternativas para o estacionamento dos residentes. Ademais, explicou, a parte alta da parroquia tamén presenta un déficit de prazas, como na contorna do Camiño da Costa de Arriba, onde tamén houbo desenvolvemento urbanístico sen garantir a provisión de estacionamento.

    O mapa do déficit de estacionamento complétase con Samieira, con problemas na contorna da PO-308, e en Raxó, onde «todos sabemos que hai un problema pero, como sempre, o goberno de Sobral prefire mirar para outro ladoп, explicou Moldes, que recordou que a parcela que actualmente se utiliza como aparcamento para a vila, a “finca dos curas” é unha propiedade privada pendente dun futuro desenvolvemento urbanístico e que «en calquera momento os propietarios poden decidir que non se poida aparcar», o que suporía un grave prexuizo para veciños e empresarios da parroquia, onde ten un peso importante o sector turístico. O voceiro popular recordou tamén que o PP leva anos esixindo ao goberno local planificación e alternativas para proporcionar espacio de aparcamento, ante o silencio e a pasividade do concello.

    Moldes pediu ao Bipartito que se tome en serio este problema, que afecta á economía do concello e á convivencia, recordando que a problemática vai desde «clientes con reservas en restaurantes ou hoteis que cansan de dar voltas para aparcar e marchan a outro concello», ata «negocios que teñen que pechar as portas porque clientes e empregados non teñen sitio para parar», pasando por «problemas de veciños coa policía que está facendo o seu traballo ou conflictos entre os propios veciños pola falta de aparcamento».

    Moldes indicou que hai dúas solucións nas que un goberno serio debería centrar as súas prioridades: «En primeiro lugar, a curto e a medio prazo, é necesario comprar ou alugar terreos para ampliar o espazo de estacionamento», explicou o popular, que recordou que mentres concellos veciños chegan a acordos para poñer a disposición de veciños e visitantes centos de prazas de estacionamento, o concello de Poio non só non consegue máis prazas, senón que «cada vez pon máis problemas».

    «En segundo lugar, a solución ten que estar no novo PXOM», advertiu o voceiro popular: «o novo PXOM ten que ser a ferramenta para solucionar esta problemática, apostando por outro tipo de urbanismo, creando zonas sostibles, dando servizos a vivendas e negocios e apostando por un urbanismo aberto e humanizado, pensado nos veciños en vez de nos amigos do Bipartito».

    Moldes esixiu ao Bipartito que se tome en serio este problema, ao que se enfrentan veciños e empresas de todas as parroquias, e pediu a Sobral que se dedique a facer políticas de verdade,  instandoo a pensar no seu legado despois de 25 anos: «A única herencia que vai deixar este goberno son fotos presentando festas, eventos culturais ou probas deportivas que nin sequera organiza o concello», advertiu Moldes: «Nin máis servizos para os veciños, nin máis equipamentos ou infraestruturas, nin planeamento, investimentos ou obras de futuro. O legado do último mandato de Sobral consistirá en fotos e titulares aproveitándose do traballo de veciños e colectivos, nada máis».