Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • Para o PP, o Bipartito da Deputación é un goberno ao que lle sobran publicidade e mentiras e lle faltan os feitos

    Nunha reunión celebrada entre deputados provinciais, alcaldes e voceiros do Partido Xudicial de Tui

    • Denuncian que PSOE e BNG só gastaron 2,4 dos 22 millóns de euros que prometeron en 2017 para as estradas provinciais.
    • Santiago Rodríguez sinalou que o Goberno provincial bateu récord en 2017 ao deixar sen executar máis da metade do orzamento da institución.
    • Lamentan que a día de hoxe Carmela Silva non destinase nin un só euro dos 90 millóns que prometeu en axudas para paliar os danos da vaga de lumes de outubro.

     

    O Rosal, 14 de xuño de 2018.- O deputado do grupo provincial do Partido Popular e presidente local do partido en Salceda, Santiago Rodríguez Davila, reuniuse cos alcaldes e voceiros do PP do Partido Xudicial de Tui para interesarse polas necesidades e demandas dos seus concellos. Todos coinciden en denunciar que este Bipartito da Deputación é un goberno de moita publicidade, moitos titulares, moitas mentiras e moi poucos feitos.

    Santiago Rodríguez explica que hai xusto un ano, PSOE e BNG anunciaron na Deputación investimentos de 22 millóns de euros en 2017 para actuacións en un total de 29 estradas provinciais, “pero a realidade é que a día de hoxe, doce meses despois, só gastaron 2,4 millóns en pequenas actuacións en 13 delas”.

    “Que pasou co resto? Xa non son necesarios os investimentos? Si, claro que son necesarios, nesas e noutras tantas estradas provinciais que levan tres anos abandonadas á súa sorte, pero este é o Bipartito dos anuncios e non dos feitos, son incapaces de executar o que prometen”, engade.

    Como exemplo, Davila recorda que este Goberno da Deputación bateu récord en 2017 ao deixar sen executar máis da metade do orzamento da institución provincial. Así, dos 152 millóns de euros que había no orzamento provincial de 2017, só se executou o 49%. “Esta cifra fala por si soa. As palabras baleiras demóstranse con feitos, e a conta xeral da deputación do ano 2017 demostra con datos contundentes que PSOE e BNG son incapaces de xestionar de forma eficaz e eficiente o diñeiro de todos os pontevedreses”.

    Ademais, Davila recorda que ano a ano estase incrementando o diñeiro da caixa da Deputación, “e neste caso baten tamén récord este ano porque teñen 163 millóns de euros sen gastar”. Así, sinala que “as administracións non teñen que aforrar, o que teñen que facer é xestionar os fondos que reciben e canalizalos cara máis investimentos, recursos e servizos para os concellos. Polo que non ten sentido que a Deputación deixe ano tras ano todo este diñeiro sen gastar, iso quere dicir que non están xestionando eficazmente. O que terían que facer é destinar e redistribuír practicamente o cen por cento do que reciben entre os concellos, que esa é a función da Deputación”.

     

    Con estas cifras, os populares lamentaron que a día de hoxe Carmela Silva non destinase nin un só euro da Deputación en axudas para paliar os danos da vaga de lumes de outubro nos concellos da provincia. “Seguimos esperando a que nos aclaren onde están os 90 millóns de euros que ían repartir entre os concellos afectados,”, recorda o popular. “Hai cartos” para poder facer fronte a esta ou outras axudas, “o problema é que non hai vontade real”. Nesta liña, engade, “este Goberno e esta presidenta levan tres anos de discursos baleiros de contido, con moitas palabras e anuncios que buscan un impacto mediático, pero con moi pouca xestión”.