Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP denuncia que o Bipartito da Deputación só gastou 2,4 dos 22 millóns de euros que prometeron para as estradas provinciais

    • Para Ángel Moldes, “é un goberno de moita publicidade, moitos titulares, moitas mentiras e moi poucos feitos”.

     

    Pontevedra, 14 de xuño de 2018.- O Partido Popular de Pontevedra denunciou esta mañá que o Bipartito da Deputación só gastou 2,4 dos 22 millóns de euros que prometeu para investimentos nas estradas provinciais no ano 2017. “Con todo o seu equipo, con todos os seus asesores só foron capaces de gastar un 10% do que anunciaron, actuaron só en 13 estradas das 29 previstas, e o máis triste, é que na maioría delas, en lugar de apostar por proxectos completos, foron por tramos, como é o exemplo da estrada provincial en Cerdedo-Cotobade”, criticou Ángel Moldes, voceiro do grupo provincial, en rolda de prensa xunto ao deputado Luis Aragunde.

    Os populares recordaron que hai xusto un ano, o 14 de xuño de 2017, “a estrutura forte da Deputación, Carmela Silva, David Regades, César Mosquera e Uxío Benítez, presentaban por todo o alto un plan para executar investimentos por valor de 22 millóns de euros nas estradas provinciais en 2017”. Deses 22 millóns de euros, engaden, quedaron sen gastar case 20 millóns de euros, o 90% do orzamento.

    “Non sabemos si é que realmente non son necesarias o resto de actuacións, supoñemos que si, pero entendemos que estamos ante un equipo de Goberno que gastan moito tempo en presentar decálogos, decálogo do decálogo, catálogos, guías... pero ao final o que está claro é que os servizos de contratación e de cooperación están colapsado e non saen os proxectos”, apuntou Moldes.

    Recordou Moldes que naquela presentación presumían que “desde ese momento ían marcar a diferencia con respecto ao anterior Goberno, e agora con perspectiva de un ano desde o anuncio o temos claro, este Goberno é incapaz de xestionar os recursos da Deputación, esa é a principal diferencia entre antes e agora”. Así, considera que “a pesar de contar neste servizo con numerosos asesores que eles mesmos contrataron, o que temos a día de hoxe é falta de investimentos, alcaldes que envían cartas á Deputación queixándose de que non lle están aprobando obras do plan concellos e deputados responden facendo política en lugar de xestión”.

    Polo tanto, engadiu, “queda demostrado que estamos ante un equipo de Goberno de moitas presentacións, moitos titulares, moitas postas en escena, moito postureo, pero ao final os feitos non existen. Agora percorren as comarcas falando de cifras, pero son incapaces de inaugurar obras”.

    Por iso, pediu á presidenta que, “en lugar de usar as roldas de prensa para insultar e como plataforma de confrontación política continuada, para atacar, confrontar e insultar, utilice as comparecencias ante os medios para dar conta da súa nula xestión e explicar os problemas que existen na propia Deputación de Pontevedra para ser capaces de gastar só 2,4 dos 22 millóns de euros que prometeron en investimentos”.

    Nesta mesma liña tamén incidiu Luis Aragunde, que dixo que “a Deputación é unha plataforma para promocionarse a nivel político uns e outros, pero os veciños da provincia están cada vez máis esquecidos e reciben cada vez menos servizos”. O deputado recordou que o primeiro golpe que este Bipartito deu ás estradas provinciais foi o desmantelamento do Parque de Maquinarias da Deputación, “o que provocou un abandono e deterioro das vías. As críticas de alcaldes e alcaldesas da provincia polo estado das estradas provocou que o Bipartito anunciase hai xusto un ano estes 22 millóns de euros, pero nos encontramos que un ano despois só contrataron un 10% do prometido, o que amosa unha falta total de xestión”.