Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP denuncia que o Bipartito leva case un ano agochando as contas da Festa do Mar

     O concelleiro Xosé Luis Martínez comprometeuse a publicar os datos 15 días despois do Certame

    • Os populares consideran unha vergoña que se coñezan as datas e actuacións da próxima edición da Festa do Mar de 2018 e aínda non se coñezan os gastos e ingresos da anterior, pese ao compromiso público do goberno e unha petición expresa ao alcalde.
    • Juan Rodríguez Grandal di que o equipo de Luciano Sobral seguen demostrando cada día que están á cola da transparencia en Galicia por meritos propios e apunta que o Bipartito «é incapaz de cumprir ningún compromiso, nin sequera os que fan consigo mesmos».

     

    Poio, 30 de xuño de 2018. O voceiro para asuntos económicos do PP de Poio, Juan José Rodríguez Grandal, recordou este sábado que, case un ano despois de que o concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez, se comprometese a facer públicas as contas da Festa do Mar de 2017, «eses datos seguen agochados», algo que tildou de «auténtica vergoña» que ven a demostrar por que o Bipartito de Poio está ano tras ano á cola da transparencia de Galicia.

    Rodríguez Grandal recordou o compromiso público que adquiriu Xosé Luís Martínez na rolda de prensa de presentación da Festa do Mar de 2017, cando prometeu «sen que ningúen llo pidese», que faría públicos os datos de gastos e ingresos da Festa nun prazo máximo de 15 días despois da súa celebración, en agosto do ano pasado.

    Rodríguez Grandal recalcou que aquel compromiso fíxose nunha rolda de prensa pública diante de media ducia de xornalistas, diante de micrófonos e cámaras, pese ao que «case un ano despois, seguimos sen saber nada», e destacou que o Bipartito é incapaz de cumprir ningún compromiso, nin sequera os que fan consigo mesmos, o que demostra que «non lle dan ningún valor á súa propia palabra».

    O popular recordou que en xaneiro de este ano, catro meses despois da data anunciada, o PP presentou un escrito, dirixido ao alcalde, solicitando os datos económicos prometidos e esixindo unha explicación de por que non foran publicados, un escrito que tamén segue sen resposta, polo que a ocultación destes datos é agora mesmo, responsabilidade de Luciano Sobral, que «non é capaz de obrigar ao seu concelleiro a cumprir os seus compromisos nin facelo el mesmo».

    Para o concelleiro popular, BNG e PSOE «seguen demostrando cada día que están á cola da transparencia en Galicia por méritos propios», e recordou que na edición de 2016, o Bipartito gastou máis de 200.000 euros e ingresou menos de 50.000, co que non cubrían nin o custo da comida e a carpa, o que fai sospeitar ao popular «como serán os números do ano pasado se o Bipartito os segue agochando case un ano despois».

    Rodríguez Grandal recordou que, despois da edición de 2016, foi o propio PP o que tivo que facer públicos os pésimos datos económicos do certame ante a ocultación do Bipartito, e recrodou que, entre os lamentables datos económicos, descubriuse que o gasto medio dos visitantes foi de apenas 1 euro por persoa. Ademais, Rodríguez Grandal recordou os numerosos informes técnicos que advertían de contratacións opacas, facturas duplicadas e varias irregularidades que demostran «a penosa xestión do Bipartito».

    «O problema non é a festa do mar, é a xestión dela que fai o Bipartito, que estende o seu modelo de caciquismo, opacidade e incumprimentos a todo o que toca», lamentou Rodríguez Grandal.

    Rodríguez Grandal recalcou que a promesa de facer públicos gastos e ingresos fíxoa o concelleiro do BNG motu propio, polo que «agora non pode botar balóns fóra», e explicou que o concelleiro nacionalista prometeu diante dos xornalistas facer públicos os datos da súa xestión quince días despois da festa, e despois dun ano aínda non deu a cara, polo que con toda probabilidade dentro dunhas semanas Martínez levará un ano sen cumprir o que prometeu: «Un triste récord».

    «Probablemente o concelleiro arrepentiuse da súa promesa e leva un ano sen dar os detalles da súa xestión porque lle dá vergoña que se coñezan os resultado da súa xestión», rematou Grandal: «Entendémolo perfectamente porque a nós pásanos o mesmo coa súa xestión».