Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP presenta o “Mapa das Mentiras do lixo”

    • Os populares localizan máis de 300 contedores obsoletos que nunca se repuxeron despois de que o Bipartito aprobase unha subida de 62.500 euros anuais a Valoriza por poñer novos contedores, a segunda subida aprobada por BNG e PSOE a favor da concesionaria en 3 meses.
    • Os veciños poderán comprobar de primeira man a situación e o estado do equipamento antigo non reposto pola empresa, que en parroquias como Samieira e zonas de San Xoán, Raxó, Combarro e San Salvador, supoñen ata o 95% de todos os contedores.
    • O PP recorda que mentres outros concellos sancionan ás empresas incumpridoras, Luciano Sobral dalles premios de 100.000 euros, un insulto e un roubo aos veciños que xa pagan o recibo máis alto de Galicia, roubos e insultos dos que o PP «non será cómplice».

     

    Poio, 2 de agosto de 2018.- O PP de Poio presentou esta mañá en rolda de prensa o “Mapa das Mentiras” do servizo de lixo: un mapa interactivo que documentará os incumprimentos do contrato de recollida de lixo e que nestes momentos xa contén testemuñas gráficas de centos de contedores de lixo de modelos obsoletos en todas as parroquias, despois de que BNG e PSOE lle concedesen á empresa concesionaria unha subida de máis de 62.000 por, presuntamente, renovar os contedores.

    A rolda de prensa celebrouse precisamente xunto a unha isleta con tres contedores de modelo “antigo” na rúa Gonzalo Fernández de la Mora y Mon, a a poucos metros da PO-308 e da casa do concello. O voceiro do PP, Ángel Moldes,que compareceu acompañado da concelleira Rocío Cochón, explicou que todos os concelleiros do goberno do BNG e do PSOE pasan por diante destes contedores todos os días, de modo que «deberían darse de conta de que Valoriza non os repuxo».

    Moldes explicou que o proxecto de facer un mapa documentando os incumprimentos e as mentiras en relación ao contrato do lixo xurdiu hai uns meses cando en comisión apareceu unha reclamación da empresa por valor de máis de 80.000 euros na que dicían que era por repoñer contedores, algo que «nos sorprendeu moito porque a pouco que un camiñe por Poio ve que é todo o contrario».

    Moldes repasou o ronsel de incumprimentos por parte da concesionaria «desde o minuto un», con incumprimentos dos prazos e investimentos, videos demostrando que a empresa non facía a recollida selectiva, denuncias, e o uso de material, vehículos e operarios adscritos ao concello fóra do termo municipal e incluso da provincia, explicou, algo que por si só sería motivo de rescisión do contrato ou, como xa sucedeu notros concellos, de fortes sancións.

    Moldes recordou que Valoriza non foi a adxudicataria orixinal, senón despois dunha reclamación dicindo precisamente, que a gañadora non cumpría as condicións do contrato en relación á renovación de contedores: «É unha desfachatez que unha empresa que levou así o contrato o incumpra desde o primeiro momento e reclame cartos, pero é aínda máis grave que o Bipartito lle diga si a todo».

    Moldes explicou que, no mapa, ao que pode accederse no link http://bit.ly/2O4WjGH, os veciños poderán comprobar de primeira man a situación, o número e o estado dos centos de contedores obsoletos que hai no concello, algúns sen tapas ou sen rodas... con fotografías que se tomaron nas últimas semanas de contedores que non foron repostos: «Agora mesmo nas fotografías hai máis de 200 contedores, moitos deles xeolocalizados, e seguimos subindo e localizando fotografías», indicou, explicando que hai constancia de máis de 300 contedores non repostos, en distintos núcleos de todas as parroquias.

    Moldes explicou que a parroquia coa maior proporción de contedores desfasados é, probablemente, Samieira, con zonas onde ata o 95% do material está obsoleto. Os populares tamén documentaron moitos contedores “antigos” na parte de Raxó máis alonxada da costa. En términos absoluto, a parroquia con máis contedores obsoletos é San Xoán, con case a metade de todos os contedores fotografiados en todo o concello.

    Veciñanzas como Fontenla, O Pereiro, Ucha, San Martiño e outros núcleos semellantes teñen unha proporción altísima de contedores obsoletos. Moldes advertiu ao Bipartito que «non intenten escusarse en falta de espazo, ou dicindo que os contedores de carga lateral non caben no espazo dos antigos colectores, xa que en moitas fotos vense «contedores vello xunto a contedores novos de carga lateral. Que non poñan escusas e que non conten mentira».

    Ademais, nestes momentos o mapa contén tamén fotografías de contedores obsoletos en San Salvador, cunha especial incidencia en Portosanto e en Combarro, especialmente nas veciñanzas por riba da PO-308. Polo tanto, a non renovación de material afecta a núcleos en todas as parroquias e a veciños de todas as condicións, e sucede, segundo Moldes «porque o alcalde lle permite á empresa facer o que lle dea a gana, incumprimento tras incumprimento. E lonxe de sancionalos, os premia con 100.000 euros!»

    Algo gravísimo, para Moldes, é que o alcalde insista que esta subida “non a pagarán os veciños de Poio”: «A menos que a paguen o alcalde e os concelleiros de BNG e PSOE do seu peto, estes 100.000 euros sairán dos cartos de todos os veciños de Poio, en forma de investimentos que non se poderán facer ou en cantidades que o Bipartito recortará doutro lado, pero dicir que non a pagarán os veciños é un insulto».

    «O PP non vai ser cómplice de roubos e mentiras aos veciños de Poio», advertiu Moldes, que recordou Valoriza incumple o periodo de recollida, de limpeza, de varrido, ademais de non substituir os contedores de cartón e moitas outras anomalías coa complicidade de Luciano Sobral: « Os veciños de Poio non lle deben nada a esta empresa. É a empresa a que lle debe contedores e servizos aos veciños, e é o concello o que lle debe aos veciños unha desculpa por insultalos».

    «Mentres outros concellos poñen sancións de centos de miles de euros ás empresas que non cumpren, o concello de Poio, lonxe de sancionar todos os incumprimentos, dalle unha recompensa á empresa», algo que según Moldes, deixa en evidencia o conchabeo, polo que o PP «Fai responsable ao Bipartito de todos os incumprimentos e das faltas de respecto constantes aos veciños que xa pagan o lixo máis caro de toda a provincia por un servizo de segunda».