Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

Populares de Pontevedra

  • O PP marca a axenda de Carmela Silva co delegado do Goberno en Galicia

    • Ángel Moldes sorpréndese de que o Bipartito dixera no pleno que os populares non tiñan “nin idea” ao reclamar mediación da Deputación para mellorar o acceso no nudo dos bombeiros e días despois o inclúan na súa axenda.
    • Para o voceiro “demóstrase que en moitas ocasións, e aínda sen ter competencias directas, a xestión é moi importante para conseguir proxectos”.

     

    Pontevedra, 7 de agosto de 2018.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, destaca que a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “recapacitase e apostase finalmente” por mediar para conseguir un acceso peonil seguro a Pontevedra desde o nó dos bombeiros. Desta forma, salienta que foran as reclamacións do PP as que marcasen a axenda da presidenta da Deputación na reunión que mantivo onte co delegado do Goberno en Galicia.

    “No último pleno provincial, tanto Carmela Silva como César Mosquera acusábanos de non ter idea ao reclamar esta  mediación, concretamente referíanse á nosa demanda como unha metedura de pata de tal calibre, polo que foi unha sorpresa absoluta que este proxecto fose unha das súas principais reclamacións ao Goberno central”, explica Moldes. Para o popular “demóstrase que en moitas ocasións, e aínda sen ter competencias directas, a xestión e a mediación son importantes para conseguir proxectos”. Por iso, pide que a próxima vez “en lugar de desprestixiar as demandas do PP por sistema, reflexionen e valoren o seu contido porque son demandas tamén dos veciños da provincia”.

    Por este motivo, convida a Carmela Silva “a abandonar definitivamente a confrontación política permanente e tender lazos de colaboración con todas as administracións, tamén coas que non están gobernadas polos socialistas”. Só deste xeito, engade, “pódese recuperar o papel institucional da Deputación de Pontevedra, que leva tres anos totalmente abandonado”.

    Cabe recordar que hai menos de un mes, concretamente o 12 de xullo, deputados do PP visitaron o nó dos bombeiros xunto ao representante da asociación Pro-Garda Civil en Pontevedra, Manuel Picón, para reclamar á Deputación mediación para conseguir un acceso peonil seguro á cidade. Naquel momento, Moldes recordou que é unha zona moi complexa, na que se xuntan dous termos municipais _Poio e Pontevedra_ e onde teñen competencias diferentes administracións. Por iso apelou á “importancia do papel da Deputación, como coordinadora para conseguir que esta reclamación se faga realidade”.