Quen somos

O nacemento dun gran partido

O nacemento dun gran partido

A principios dos anos 70, Manuel Fraga interesou a un grupo de persoas na idea de crear e articular unha organización de talante reformista e con ideoloxía de centro, co fin de ofrecer unha nova alternativa política á sociedade española.

Nace así unha entidade que, en 1974 e unha vez aprobada a Lei de Asociacións Políticas, constitúese como Gabinete de Orientación e Documentación, S.A. (GODSA), para, a través dela, elaborar estudos, programas e proxectos de carácter político, económico e social, que servisen de base para a creación dunha forza política co nome de Reforma Democrática.

Desta organización nace o que será a base intelectual para o programa do que despois foi a Asociación Política Reforma Democrática que se inscribiu en outubro de 1976 no Rexistro de Asociacións Políticas do entón Ministerio da Gobernación.

En decembro de 1976 celebrouse o I Congreso Nacional da mesma, sendo elixido Presidente Manuel Fraga e Secretario Xeral Carlos Argos.

En setembro de 1976, Manuel Fraga inicia conversacións con varias personalidades da política española, e en 1977 celébrase o I Congreso Nacional constituínte de Alianza Popular como Federación de Partidos. É a base do que hoxe é o PP en toda España.

Primeiros pasos do PP provincial de Pontevedra

Primeiros pasos do PP provincial de Pontevedra

O Partido Popular vai asentándose a nivel nacional e xerando unha gran rede territorial.

Parte desa rede territorial é o PP provincial de Pontevedra, que está xa en funcionamento en 1977, cando se celebra o seu primeiro congreso Provincial. En 1979 é elixido presidente provincial Eligio Cancela, que deixa paso, xa en xaneiro de 1982, a José Luís Barreiro, que exercerá como presidente provincial ata novembro de 1983, cando os populares elixen a Mariano Rajoy, hoxe presidente nacional do partido, como presidente provincial.

Rajoy mantén moi boa sintonía cos membros do PP a nivel provincial e é reelixido en posteriores congresos provinciais ata que no 91 se traslada a Madrid.

Durante a súa etapa de presidente provincial, Mariano Rajoy é nomeado tamén presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, cargo que ocupa desde 1986 ata que no citado 1991 se traslada a Madrid para formar parte do equipo que Aznar está a compoñer no PP Nacional, e no que o nomea vicesecretario xeral.

A presidencia provincial do partido en Pontevedra pásaa a ocupar Xosé Cuíña Crespo, quen ademais estaba a desempeñar o cargo de presidente da Deputación de Pontevedra desde 1987.

A Cuíña Crespo sucédeo José Manuel Abeledo, ata a celebración do XII Congreso do PP Provincial o 28 de maio de 2000, cando sae elixido presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán.

O PP Provincial hoxe

O PP Provincial hoxe

O traballo feito e a confianza xerada entre a militancia fan que nos anos 2002 e 2004 Louzán sexa reelixido presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra co apoio case unánime dos afiliados.

Esta confianza dos populares no seu presidente provincial demóstrase tamén tras as eleccións municipais de 2003, cando tras presentarse nas listas do PP de Ribadumia e resultar elixido concelleiro, asume, co voto dos concelleiros populares, o cargo de presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, cargo que repite en 2007 para o período 2007-2011.

En novembro de 2009, e por cuarta vez consecutiva, resulta reelixido presidente provincial do PP en Pontevedra co apoio de preto do 98% dos compromisarios participantes no XV Congreso do PP.

Hoxe o Partido Popular é a forza maioritaria na provincia de Pontevedra e conta con máis de 33.000 afiliados. A aposta do actual presidente provincial de Pontevedra, Rafael Louzán foi clara desde o primeiro momento, reforzar as agrupacións locais, e ofrecer aos cidadáns seriedade, rigor, planificación e sobre todo, confianza.

Actualmente o Partido Popular conta na provincia de Pontevedra cun total de 50 sedes abertas e dotadas dos medios materiais necesarios e das tecnoloxías da comunicación, imprescindibles, para estar cada día máis preto dos cidadáns.

      

Axenda