15 de xullo de 2019. O PP de Poio a través do seu portavoz para San Salvador, Sergio Pereira, pídelle o Tripartito que traballe dunha vez por todas para conseguir máis estacionamentos na parroquia máis poboada de Poio, San Salvador, xa que a situación é insostible.
«O Tripartito ten que afrontar o problema de falta de estacionamentos tal e como o fan noutros Concellos: ou ben acadando cesións de terreos, ou arrendándoos ou comprándoos. O que necesitan os veciños e veciñas e ao que teñen dereito e a poder estacionar os seus vehículos na rúa e, agora mesmo, é moi complicado», indica Pereira.
Os populares recordan que todos teñen dereito a bos servizos: aos negocios, aos taxis, aos veciños e veciñas, aos consumidores, etc. e por iso a solución que ten tomar o Concello é buscar terreos para crear novas prazas de estacionamento.
O popular recorda que lle solicitan esta proposta ao Tripartito con humildade e coa lexitimidade que lle deu a veciñanza de Poio ao proxecto de Ángel Moldes: «No noso programa electoral levábamos incrementar as prazas de estacionamento en varios lugares do municipio e, entre eles, en San Salvador e, como sabemos, foi o programa máis apoiado pero ademais no pasado mandato o PP xa pediu esta proposta en varias ocasións sen resultado. En 2016, por exemplo, ofrecemos solucións como a de negociar ou comprar o terreo que está xunto o Centro de Saúde de Anafáns e que o propietario estaba disposto a negociar tal e como recoñeceu o propio Alcalde pero, ao final, o Bipartito non moveu un dedo e todo segue igual».
«Aos problemas, hai que buscarlles e poñerlles solucións e xa vemos que ao Tripartito vai seguir actuando como o facía o Bipartito, ou sexa de perfil a eles», conclúe Pereira.