O PP esixe explicacións aos 3 alcaldes sobre a vulneración dos dereitos dunha traballadora no Concello de Poio

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP esixe explicacións aos 3 alcaldes sobre a vulneración dos dereitos dunha traballadora no Concello de Poio

    • Os populares acceden a documentación deste asunto, como a denuncia sindical polas condicións da traballadora, que detalla que o Concello a tiña facendo funcións de administrativa no Departamento de Urbanismo como falsa becaria, pagándolle 10.000 euros menos do que lle correspondía e mediante unha cesión ilegal de traballadores.
    • A concelleira “Maritxe” González denuncia a hipocrisía de Sobral, Besada e Díaz: « Moito manifesto feminista, moita palabrería sobre os principios da esquerda para logo ter unha muller traballadora sen dar de alta e sen pagarlle o seu. Así son a igualdade e as conviccións dos 3 alcaldes: de mentira, de quita e pon».

     

    5 de outubro de 2019. A concelleira do PP de Poio, María José “Maritxe” González, esixiu a Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz «unha explicación inmediata» sobre as irregularidades nas contratacións no Concello de Poio destapadas a raíz dunha inspección laboral o pasado marzo.

    A resultas dese procedemento, a Dirección Provincial da Seguridade Social obrigou a dar de alta de oficio a unha traballadora que prestaba os seus servizos no consistorio sen estar dada de alta, unha situación que os populares destaparon ao examinar as actas da Xunta de Goberno Local das últimas semanas.

    Case un mes despois de solicitar información máis detallada, o PP conseguiu acceder á documentación do procedemento, como un escrito dun sindicato denunciando a situación da traballadora, recibido polo Concello de Poio o día 3 de abril, e que revela unha situación que os populares tildan de vergonzosa, e indica que a traballadora prestaba servizos no Departamento de Urbanismo en condicións de “falsa becaria”, xa que facía funcións administrativas “sen ningún tipo de supervisión”, e que realmente realizaba “tareas e funcións imprescindibles para o funcionamento do Concello que se solventan mediante ‘becas’ (entre aspas no orixinal) dada a carencia de medios humanos e económicos da que adolece o concello”, o que suporía un uso fraudulento por parte do Concello e do departamento de Urbanismo dunha beca concedida en xullo de 2018 e que se prorrogou ata o 30 de xuño do 2019, isto é, despois de que xa tomase posesión o goberno dos “3 alcaldes”.

    Ademais, o escrito detalla outras irregularidades presuntamente cometidas polo concello e denunciadas polo sindicato, como o feito de que a afectada era obxecto dunha “cesión ilegal de traballadores”, que durante a estancia da traballadora no Concello “non existiu unha formación programada”, e asimesmo “non se formalizou un contrato por escrito”, pese a que as súas funcións “formaban parte do proceso productivo do concello, ao integrar as súas competencias e finalidades e dar resposta ás mesmas co seu traballo”, o que implica que “a condición de becario debe de considerarse nula”.

    Ademais, o sindicato recorda que o importe da falsa beca que percibiu a traballadora non se corresponde coa retribución dun traballador do concello que fixese as funcións que a afectada realizou durante un ano, polo que presenta unha reclamación polos máis de 10.000 euros que o Concello lle pagou de menos, ademais de non estar dada de alta.

    Para o PP de Poio, que continúa estudando a documentación deste caso, os 3 alcaldes deben dar explicacións coa máxima urxencia, xa que hai unha vulneración dos dereitos dunha traballadora que se extendeu desde o anterior Bipartito ata o actual goberno, e que implica a numerosos departamentos xestionados polos distintos grupos políticos, como o Departamento de Urbanismo, o de Contratación...

    Os populares tildaron de «verdadeiro atropelo» que o Concello de Poio non respecte a normativa laboral e os dereitos dos traballadores, e pedirán explicacións e responsabilidades ao máximo nivel. Finalmente, destacaron a dobre moral dos 3 alcaldes, recordando que despois das eleccións de maio, os distintos grupos, e en particular Silvia Díaz, descartaron formar goberno co PP, a primeira forza e gañadores das eleccións, facendo fincapé en que non llo permitían “os seus principios e as súas conviccións de esquerdas”, e recordou as excusas de BNG e PSOE para non pactar distintas mocións en defensa da muller durante o pasado ano, «precisamente mentres eles tiñan unha muller traballadora no concello sen dar de alta, en situación irregular e sen pagarlle o que lle correspondía».

    Por ese motivo, González rematou subliñando a hipocrisía de Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz: «Moito manifesto feminista, moita palabrería sobre os principios da esquerda para logo ter unha muller traballadora sen dar de alta e sen pagarlle o seu. Así son a igualdade e as conviccións dos 3 alcaldes: de mentira, de quita e pon».

Add comment


Security code
Refresh