Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • A Deputación rexeita deseñar un novo trazado para a EP-9106 que permitía dar continuidade ás escavacións en Adro Vello, no Grove

    • Cubela recorda que “é unha estrada provincial, lles guste ou non, así que a quen lle compete facer un estudo da trazabilidade é a esta institución”.
    • Reclaman “o mesmo trato a esta estrada do Grove que o que a Deputación vai dar á estrada de Mollabao, en Pontevedra, que é de titularidade municipal e que vai contar con investimentos provinciais”.

     

    8, xaneiro, 2021.- O grupo provincial do Partido Popular reclamou hoxe no pleno da Deputación de Pontevedra un estudo previo sobre a viabilidade de deseñar un novo trazado para a EP-9106, na contorna do xacemento de Adro Vello, en O Grove, co fin de favorecer a continuidade e consolidación das escavacións arqueolóxicas. “É un enclave privilexiado, un dos espazos desta provincia a potenciar con claridade. Só pedimos que encarguen dous documentos que precisan dun custe menor para a Deputación de Pontevedra”, defendeu Cubela.

    Pero a proposta dos populares atopouse co rexeitamento do Bipartito provincial “O BNG atribúe ao concello a posibilidade de facelo, mentres que o PSOE quere que se lle pida á Xunta. A realidade é que basta que o reclama o Partido Popular para que rexeiten a solicitude”, lamentou o voceiro do PP.

    Nesta liña, recordaron que “lles guste ou non, a EP-9106 é unha estrada provincial, así que a quen lle compete facer o estudo da trazabilidade é á Deputación de Pontevedra”. Por iso, reclamaron “o mesmo trato a esta estrada do Grove que o que a Deputación vai dar á estrada de Mollabao, en Pontevedra, que é de titularidade municipal e que vai contar con investimentos provinciais”.

    Os populares explicaron que unha gran parte dos restos arqueolóxicos esténdense por debaixo da actual estrada provincial, polo que é inviable que se amplíen os traballos no xacemento a non ser que haxa un cambio no seu trazado. Ademais, recordan que o xacemento vai ter un papel destacado no Xacobeo 2021 e 2022 xa que a moeda do Adro Vello vai ser a moeda conmemorativa.

    Por iso, pedían á Deputación que encargue un anteproxecto e que tramite un estudo previo no que se inclúa tamén o estudo de alternativas a este trazado. Trátase dunha xestión que ten que promover a Deputación de Pontevedra, como titular da estrada provincial, e que resolve finalmente o Consello da Xunta de Galicia a través da Lei de Estradas de Galicia, que no artigo 22.4 indica que a aprobación definitiva, cando non estean incluídos no Plan director de estradas de Galicia, no plan sectorial de estradas da administración promotora nin no planeamento urbanístico municipal, lle corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, previo informe da consellería competente en materia de estradas no caso de actuacións promovidas polas entidades locais.