Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O Xulgado obriga a Luis Piña a repetir o pleno da Conta Xeral ao ser ilegal

    • A sentencia indica que non está xustificada a urxencia para non esperar dous días para celebrar o pleno despois da convocatoria, decisión que cerna o dereito de participación política da oposición.
    • Para o PP, confírmase a páralise do Concello da Cañiza e “que o alcalde intenta impoñer a súa vontade de xeito autoritario”.
    • “O que conseguiu foi que a día de hoxe a conta xeral do 2018 non estea aprobada e que as subvencións que dependían desa xestión se atopen comprometidas”.

     

    A Cañiza, 16 de febreiro de 2021.-  O alcalde da Cañiza, Luis Piña, foi condenado polo Xulgado Contencioso Administrativo N1 de Pontevedra porque o pleno extraordinario e urxente que celebrou o 27 de febreiro de 2020 foi ilegal. Refírese á sesión na que se aprobou a Conta Xeral do ano 2018, que foi convocada con só tres horas de antelación e impediu a participación de varios concelleiros do grupo popular, incluído a do voceiro Miguel Domínguez.

    O xuíz anula a sesión e os acordos aprobados no mesmo, e condena ao alcalde a celebrar un novo pleno cumprindo a legalidade e os prazos mínimos de convocatoria, ademais de condenar ao Concello a pagar as costas do proceso xudicial.

    Segundo indica a sentenza, “a circunstancia era compatible coa convocatoria do pleno con dous días de antelación a súa celebración, como prevé a LBRL con carácter xeral, para garantir o dereito á participación política dos concelleiros da oposición”. No propio documento fai referencia a que “se superaron en varios meses o prazo máximo establecido” para enviar a conta xeral ao Consello de Contas de Galicia, e “non se comprende a verdadeira razón pola que non se puido agardar dous días para celebrar o pleno tras a convocatoria, pois non consta a existencia dalgún prazo en concreto que finalizase o 27 de febreiro de 2020”. Con esta decisión, continúa a sentenza, “cernouse o dereito fundamental de participación política dos concelleiros da oposición”.

    Para Miguel Domínguez, demóstrase que “Piña pretende impoñer a súa vontade de forma autoritaria desde que chegou ao goberno e este é tan só un dos moitos exemplos que, ademais, lle vai custar cartos aos veciños da Cañiza”.

    Critica que “Piña sabía que era imposible que varios dos concelleiros da oposición puideran asistir ao pleno por terse convocado con tres horas de antelación, e a pesar diso decidiu continuar coa convocatoria”. Pero, ademais, recorda que celebrou igualmente un pleno que sabía perfectamente que non cumpría coa Lei, e sendo consciente de que os acordos aprobados non terían valor. “O que conseguiu foi que a día de hoxe a conta xeral do 2018 non estea aprobada e que as subvencións que dependían desa xestión se atopen comprometidas”, declara Domínguez. Ademais, explica que o Alcalde da Cañiza tería perdido arredor de 600.000 euros máis ao non ter presentado esta mesma conta xeral en  prazo.

    “Piña chegou ao goberno descoñecendo completamente a xestión municipal e a pesares de gastar cantidades desorbitantes en asesores externos, non conseguiu presentar a Conta Xeral en prazo. Esta sentenza confirma a parálise de Piña e o total  descoñecemento das xestións ordinarias dun concello”, afirma o popular.

    Por último, di que Piña intentou trasladar á xustiza a súa política habitual de mentira, engano e manipulación, pero a sentencia é clara: “non se motivou, nin xustificou debidamente a necesidade imperiosa da celebrar esa sesión plenaria con tal urxencia”.