17, setembro, 21.- O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, presentou esta tarde ante o Comité Organizador do Congreso o equipo de persoas que van formar parte da candidatura coa que se presenta ao congreso provincial que se celebra mañá, sábado, na cidade. “Un equipo renovado e cun perfil claramente municipalista”, destaca, ao sinalar que está composto na súa maioría por alcaldes, concelleiros, deputados provinciais… “Son os que máis coñecen a provincia, os que están a pé de rúa constantemente. Son políticos que combinan xuventude con experiencia de xestión pública e que contan co aval das urnas”, engadiu.
Para conformar o equipo, Rueda tivo en conta incorporar a alcaldes novos, sen esquecerse dos que levan tempo xa gañando eleccións, así como que a provincia estivese ben representada, non só por criterios territoriais senón tamén no que se refire á súa diversidade. “Son mulleres e homes que representan a toda a provincia e plenamente comprometidos para traballar arreo”.
“Un equipo renovado, con experiencia e ilusión, para consolidar o que mellor se nos dá aos políticos do PP, a política de ti a ti, a política pegada ao veciño”. A nova executiva supón unha renovación de case o 70 % con respecto á de hai cinco anos. Iso si, mantén un equipo reducido, xa que entende que é o mellor xeito de garantir maior operatividade e axilidade na toma de decisións.
“Despois de todos estes meses, púxose de relevancia o papel da política de proximidade. Non podemos esquecernos do importante que é estar coas persoas, escoitar o que nos teñen que dicir e empatizar coas súas preocupacións. Só así acertaremos e seremos quen de traballar pola recuperación desta provincia”, sinalou.
Así, xunto á vicepresidenta e ao secretario xeral, postos que xa anunciou que recaerán en Nidia Arévalo e Luis López, e aos oito vicesecretarios que tamén formarán parte do comité de dirección, a executiva provincial contará con coordinadores comarcais, que servirán de enlace entre a dirección e cada comarca, e con 23 vogais, que se suman aos membros natos do comité executivo. Os coordinadores comarcais serán:
COMUNICADOS
Por outra banda, os dous comunicados que se lerán no Congreso mañña sábado correrán a cargo de Raquel Touriño, vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, e Sara Martínez, concelleira do PP de Caldas e membro de Novas Xeracións.
Raquel Touriño será a encargada de dar lectura ao comunicado “Igualdade e Política”, no que se abordará a igualdade real e efectiva e a importancia de integrala e estendela a todos os niveis da acción política e que estea presente en todas as decisións e medidas que afectan á cidadanía, especialmente ás relacionadas coa educación, coa formación e co emprego.
A continuación, Sara Martínez presentará o segundo dos comunicados: “Novos retos para o municipalismo”, no que abordará como a política de proximidade é clave para participar na reconstrución e crecemento dos concellos.