Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP esixe auga e saneamento para Vilariño

    • Ángel Moldes recorda que o contrato da auga está na quinta e última prórroga, e propoñen que o novo contrato sirva para solucionar a falta de servizos básicos neste e outros lugares do Concello: “As competencias son municipais e despois de 26 anos no goberno xa non valen as desculpas”.
    • Os populares preguntan se as discrepancias entre o Tripartito son o motivo para non sacar a licitación o servizo ou se intentan esconder unha subida da auga de máis do 30%, e advirten que o novo contrato ten que servir para solucionar os problemas que existen, non para subir os impostos.
    • Presentan unha batería de preguntas e rogos sobre a falta de auga e saneamento, así como problemas co suministro ou continuas avarías en distintas zonas: “Non pode ser que os veciños sigan sufrindo os mesmos problemas de hai case 30 anos e pagando os impostos mais caros de Galicia”.

     

    Poio, 16 novembro 2021. O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, esixiu este martes auga e saneamento para os veciños de Vilariño e doutros lugares do Concello que carecen destes servizos municipais básicos.

    Fíxoo en declaracións aos medios tras unha visita a núcleo da parroquia de San Xoán, un dos puntos do Concello aos que aínda non chegaron os servizos municipais. Moldes, acompañado de membros do Grupo Municipal e veciños da zona, propuxo que o novo contrato da auga sirva para poñer unha solución “despois de 26 anos de abandono”.

    O voceiro popular recordou que o contrato de concesión da auga municipal finalizou en decembro de 2017 e o Goberno local veno prorrogando dende enton, e destacou que a lei só permite cinco prórrogas: “Non ten explicación que tarden tanto e esgoten todas as prórrogas. A que están esperando?”.

    “Non sabemos se o motivo de non sacar o contrato é que dentro do Tripartito están divididos, xa que por exemplo Silvia Díaz en 2017 quería quitar a concesión e facer un servizo municipal”, explicou Moldes, que apuntou outra posible explicación, que o Tripartito intente esconder unha subida da auga de máis do 30%, e advertiu: “o novo contrato ten que servir para solucionar os problemas que existen, non para subir os impostos”.

    “Nós temos claro que o novo contrato ten que traer unha solución definitiva para as zonas que a día de hoxe non teñen saneamento, ou auga, ou as dúas cousas, ou que teñen problemas de suministro ou avarías cada semana, moitos veciños que están abandonados polo Tripartito”, advertiu Moldes, que subliñou que as competencias de auga e saneamento son municipais, polo que “despois de 26 anos no goberno xa non valen as desculpas”.

     

    AS MENTIRAS DO TRIPARTITO, UNHA FALTA DE RESPECTO AOS VECIÑOS DE POIO 

    Moldes recordou afirmacións recentes de membros do Tripartito presumindo dunha cobertura do 90% de auga e saneamento, algo que para o PP “é unha verdadeira falta de respecto para os veciños de Vilariño, Fragamoreira, Liñares... cando os informes oficiais dos técnicos avisan que hai máis de 2.000 veciños sen saneamento e 1.000 sen auga: “o Tripartito están instalados na mentira”.

    Moldes anunciou unha batería de accións do PP, comezando pola esixencia de auga e saneamento en Vilariño e outras zonas, pero tamén, hoxe mesmo, preguntando por cantas casas están sen saneamento en Liñares, ou as avarías na rede na Caeira e outros lugares: “Non pode ser que os veciños sigan sufrindo os mesmos problemas de hai case 30 anos e pagando os impostos máis caros de Galicia”.

    Moldes finalizou lamentando a política de anuncios e fume do Tripartito, ironizando con que “seguramente hoxe ou mañá, despois de escoitar a nosa rolda de prensa, o BNG, o PSOE ou Avante Poio sairán dicindo que xa tiñan pensando facer e prometendo solucionar o que non fixeron en 26 anos. Pero xa non teñen ningunha credibilidade”.