Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP reclama na Deputación apoio unánime para adherir os terreos de Ence ao Porto

    • Pepa Pardo sinala que o normal é que “acepten o que di o Consello Consultivo de Galicia”, que emitiu un informe favorable a esta posibilidade.
    • “É importante buscar alternativas viables que garantan o mantemento da fábrica en Lourizán e dos postos de traballo, porque do contrario as consecuencias económicas e sociais para a cidade e para a provincia serían incontables”.

     

    24, novembro, 2021.- O Partido Popular de Pontevedra reclamará no pleno deste venres na Deputación de Pontevedra apoio unánime ao mantemento dos postos de traballo de Ence e á adscrición dos terreos ao Porto de Marín-Pontevedra, ao amparo do informe emitido polo Consello Consultivo. É unha das medidas anunciadas hai uns días desde o PP local de Pontevedra, que apostan por unha “ofensiva política” a través de mocións para pedir que se aplique a solución xurídica da adscrición, que permitiría manter os postos de traballo.

    A deputada popular Pepa Pardo defende que “é importante buscar alternativas viables que garantan o mantemento da fábrica en Lourizán e dos postos de traballo, porque do contrario as consecuencias económicas e sociais para a cidade e para a provincia serían incontables”. Sinala que o pasado 20 de outubro o Consello Consultivo de Galicia emitiu, por unanimidade, un informe que avala a posibilidade de adscribir os terreos de Ence ao Porto de Marín, “e por iso as administracións debemos posicionarnos de xeito claro ao lado do mantemento dos postos de traballo dos nosos veciños”. Nesta liña, incide en que “o normal sería que todos aceptasen o que di o Consello Consultivo porque, por exemplo, o Concello de Pontevedra acudiu moitas veces a consultalo”.

    Con todo, lamenta que durante todo este tempo “nin a Deputación nin o Concello de Pontevedra empatizaron coa situación dos traballadores e das súas familias, e amosaron un claro desinterese por manter a industria da cidade e da provincia”. Pardo subliña que “o impacto do peche da compañía sería letal para numerosos sectores da provincia, e por iso é responsabilidade dos responsables públicos colaborar nunha solución que garanta a continuidade dos postos de traballo en Pontevedra sen matices. Debemos seguir traballando para que a vida de tantas familias permaneza aquí”.