Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Rueda enxalza a política de feitos do PP: exemplo de unidade, normalidade e cuxa prioridade é seguir atendendo as necesidades de Galicia

    •  Está convencido de que xuntos poden mellorar un legado, chegar máis lonxe e conquistar a quinta maioría absoluta.
    • Di que o partido local sae fortalecido tras este congreso e cun único propósito, facer unha Pontevedra mellor.

     

    07, maio, 22.- O presidente do PP de Pontevedra e candidato a presidir o PPdeG, Alfonso Rueda, enxalzou esta mañá a "política de feitos" dos populares galegos, e puxo en valor “o exemplo de unidade, de normalidade, estabilidade e coherencia” que o partido está tendo a nivel rexional, "nun proceso sen ruído, con tranquilidade e cunha única prioridade, que é seguir atendendo as necesidades de Galicia".

    Foi durante o congreso local da cidade de Pontevedra, no que saíu elixido presidente Rafa Domínguez. Durante a súa intervención, insistiu en que hai un único PP de Galicia, que tamén é o PP de Albor, de Fraga, de Feijóo e mesmo o seu. "É así porque este partido ve Galicia como un todo, non pensa en individualidades nin en cotas. Só na capacidade da súa xente". E por este motivo, engadiu, "cando este partido tivo que elixir, sempre elixiu Galicia, e volverá a facelo cando sexa preciso".

    Rueda, que agradeceu todo o apoio que está recibindo desde o primeiro minuto, desde afiliados de base a presidentes locais e provinciais, sinalou que dá este paso porque xuntos poden mellorar un legado, chegar máis lonxe e conquistar a quinta maioría absoluta. "Galicia ten que seguir amosando unha forma de gobernar estable e seria, pode ter unha economía máis robusta e mellores servizos públicos, e por iso pido que todos demos o máximo para conseguir o noso obxectivo".

    NOVO COMEZO CON RAJOY E FEIJÓO COMO REFERENTES

    Di que "é un novo comezo, pero recollendo o testemuño de persoas que o son todo para o PP", como Mariano Rajoy e Núñez Feijóo. Sobre o primeiro, sinalou que "non lle tocaron tempos fáciles, pero España recoñécelle a política de adultos que agora se bota de menos". E comprometeuse a que todo o partido en Galicia contribuirá á chegada de Feijóo ao Goberno de España. "Os españois necesitamos un goberno solvente como o que ti e o PP lle podedes dar".

    Ademais, recordou que a próxima semana pedirá á cámara galega a súa confianza para ser investido presidente da Xunta de Galicia, e lamentou que a oposición xa avanzara o seu voto en contra a pesar de que aínda non mediara palabra. “Diga o que diga Rueda, imos dicirlle que non. Son o partido do non polo non”, criticou. Unha negativa na que, indica, está instaurado o BNG desde hai décadas e por decreto, e que o PSdeG de Formoso segue sendo o mesmo de sempre, que é dicir o que diga Sánchez, é dicir, non é non. “Eu vou ir con todo o orgullo, a facer propostas. A dicir Galicia si, porque nós somos o partido do si”.

    UNHA PONTEVEDRA MELLOR

    Sobre a reelección de Rafa Domínguez como presidente local, o líder provincial subliñou que o PP sae fortalecido tras este cónclave e cun único propósito, que é facer unha Pontevedra mellor. “Hai unha meta volante importantísima. Ter un magnífico resultado nas eleccións municipais, que será tamén fundamental para conseguir a quinta maioría absoluta en Galicia”. Neste senso, sinalou que Rafa Domínguez non pedirá aos pontevedreses que o voten porque si, senón polas súas propostas. “Este partido ten historia e ten orgullo. As cousas boas que se fixeron nesta cidade foron con alcaldes do Partido Popular. Este partido ten unha historia da que presumir”, subliñou. Así, emprazou a todos os asistentes a verse de novo no próximo congreso local, pero xa cun alcalde, cun presidente da Xunta e cun presidente do Goberno no atril.