25, xuño, 22.- O candidato a presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, reuniuse onte pola noite en Caldas de Reis con participantes e compromisarios dos concellos da comarca de Caldas, dentro da campaña electoral interna de cara ao congreso provincial que se celebra o sábado 9 de xullo en Vigo.
“Quero un PP de Pontevedra que siga pegado ás necesidades da provincia, que estea a pé de rúa, xunto á cidadanía. Somos o partido da xente. Escoitando e atendendo as súas inquedanzas, entendendo cales son as súas preocupacións e necesidades, conseguiremos presentar proxectos fortes e reais en todos os concellos”, sinalou.
López presentouse como un “municipalista convencido”, e recordou os seus inicios como concelleiro e alcalde en Rodeiro durante dez anos, antes de ser nomeado delegado da Xunta en Pontevedra. “A política local, de proximidade, de ti a ti, é a política con maiúsculas”, sinalou. Nesta liña, explicou que “a política municipal dá moita intensidade, inculca uns valores de traballo moi concretos e pegados á cidadanía”. Por iso, ofrece “traballo, unidade como un valor indiscutible, total dispoñibilidade e apoio absoluto ás xuntas locais”. Ademais, reclamou aos asistentes unidade, traballo e intensificar o contacto coas persoas. “É unha das fortalezas do noso partido”, insistiu.
Durante a súa intervención, destacou que “temos bos candidatos e proxectos consolidados en moitos concellos. Somos o partido da estabilidade, da sensatez e da xestión. O que busca o apoio maioritario para conseguir gobernos sólidos e estables”. Ademais de reforzar o partido nos 61 concellos da provincia coa mirada postas nas municipais do ano próximo, nos que pretenden mellorar resultados e afianzar alcaldías, os outros dous obxectivos que marca o candidato son contribuír desde a provincia ao cambio necesario en España con Alberto Núñez Feijóo e revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia con Alfonso Rueda.
Por último, agradeceu o “grande apoio” que recibiu dos afiliados da provincia, que lle permitiu entregar 2.363 sinaturas para formalizar a súa candidatura a presidente provincial. “Un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para o conxunto do partido”.