25, maio, 23.- O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, pediu o voto para Agustín Reguera, “o candidato dos veciños de Soutomaior, cuxa experiencia e feitos son o seu mellor aval” para revalidar este domingo a alcaldía. Un alcalde que, enxalzou, é sinónimo de xestión seria e eficaz, de proximidade e dun modelo de éxito.
Foi durante o mitin que se celebrou onte pola noite en Arcade, e no que tamén participou a responsable de Mar do Goberno galego, Rosa Quintana, no que López pediu apostar “por un alcalde, un equipo e un Goberno que funcionan”. Así, recordou que “Agustín leva anos traballando cun compromiso firme pola transformación deste concello, unha transformación real, con feitos e con realidades. E non hai mellor aval que as cifras”, e subliñou que “cada día este concello suma novos veciños, persoas que se trasladan desde outros concellos porque ven en Soutomaior un lugar atractivo e agradable para vivir”.
Unha transformación de Soutomaior que, destacou, “non é froito da casualidade. Aquí hai moitísimo traballo e planificación, un proxecto que se centra nas persoas, que atende as necesidades, que plantexa solucións aos problemas, que se preocupa por mellorar de xeito continuo a calidade de vida dos seus veciños”.
Fronte a “este modelo rigoroso e estable” do Partido Popular, López asegurou que o único que ofrecen o resto de partidos “é un multipartito que son un foco de problemas, de conflitos e de polémicas, que retrasan o desenvolvemento dos concellos, porque están máis preocupados en solucionar o seu, o reparto de soldos e de postos, que no que realmente interesa aos veciños”.
Pola súa banda, Agustín Reguera puxo en valor a xestión realizada estes anos e grazas á que se mantiveron todas as taxas municipais conxeladas desde hai máis de dez anos, cunha débeda cero e coa mellora constante dos servizos municipais.
Para os próximos anos, o candidato á reelección presentou os cinco grandes proxectos que quere poñer en marcha en Soutomaior, “novas infraestruturas ao servizo dos veciños, como a reforma do colexio Oliveira, o novo centro de saúde, o parque-xardín de Soutomaior, a depuradora e o centro deportivo municipal”. Uns investimentos que, destacou, superan os 5M€ e que suporán un avance en materias tan fundamentais como o medio ambiente, a sanidade, o deporte, a mocidade e a política social.