Lembran que este é o contrato máis importante economicamente para o Concello de Pontevedra. Ata 213 millóns de euros en vinte anos,
Pontevedra 16, febreiro, 2018.- O portavoz popular, Jacobo Moreira, amosou este venres o seu rexeitamento ao informe sobre as ofertas presentadas no procedemento aberto para a xestión do servizo público de abastecemento de auga e saneamento do Concello de Pontevedra.
“Non estamos de acordo en que sexa unha empresa privada a que decida o contrato máis importante do Concello de Pontevedra que pode chegar a alcanzar os 213 millóns de euros en vinte anos”, salientou en declaracións aos medios de comunicación.
Ademais, o edil popular desvelou unha irregularidade no primeiro enunciado do informe. Nel se asegura que foi a mesa de contratación a que acordou pedir a unha empresa privada a elaboración deste documento, pero na acta non consta así, senón que se daría traslado aos servizos técnicos municipais. O prego do contrato tampouco indica que se encargue a unha empresa externa a elaboración deste informe.
Cuestión que Jacobo Moreira puxo hoxe enriba da mesa xa que podería anular todo o procedemento. “Unha empresa privada non pode decidir o contrato economicamente máis importante do noso Concello”, insistiu, “curiosamente, ademais, a oferta que parte con maior vantaxe é a actual concesionaria, Viaqua. Moita casualidade, máxime se o unimos a outras cuestións que vivimos precisamente aquí, en Pontevedra, entre esta empresa e membros do Goberno do BNG”, engadiu.
Os populares, consideran que este informe é “unha auténtica chapuza”. Ademais de conceder en algún apartado puntos por riba dos estipulados no prego do contrato á empresa concesionaria na actualmente, existe falta de motivación sobre certas decisións nas puntuacións realizadas. “Dende o noso punto de vista, debe xustificarse no informe os motivos polos que se conceden máis puntos a unha determinada empresa”, sinalou Jacobo Moreira,
“Non se pode facer unha chapuza co contrato máis importante”, por este motivo dende o Grupo Popular emprazan ao Goberno de Lores a empezar de cero “para facer as cousas ben” e que “os informes sexan elaborados polos técnicos municipais”.
“Corremos o risco de que este contrato non sexa o mellor, economicamente falando, para os veciños de Pontevedra”, destacou Jacobo Moreira tras lamentar a mala imaxe que deu hoxe o Concello de Pontevedra: as empresas ofertantes, moitas elas procedentes de Madrid, estaban convocadas hoxe ás 12h. e coñeceron nese mesmo momento que non se ía a proceder á apertura do sobre C, ante a inexistencia dun informe consistente. “Toda unha falta de seriedade”, sentenciou o edil popular.
Saúdos. Gabinete de Prensa do Partido Popular de Pontevedra.