O PP pide ao Bipartito que cumpra as condicións esixidas polo sector do mar para permitir o aparcamento no porto de Combarro

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pide ao Bipartito que cumpra as condicións esixidas polo sector do mar para permitir o aparcamento no porto de Combarro

    • Os populares esixen que o Concello «se poña a traballar» e cumpra o convenio garantindo que o sector do mar poida traballar e que veciños e visitantes teñan espazo de estacionamento.
    • O concelleiro Tucho Muíños pide ao alcalde que teña claras as prioridades: «Non é normal que para a Festa do Mar poña policía local as 24h do día» e cando as confrarías lle piden colaboración diga que non hai nin policía dabondo nin servizo de grúa.
    • Lamentan a incapacidade de Sobral de cumprir as súas promesas en relación ao estacionamento e esixen que busque solucións para o aparcamento en Combarro: «É a súa responsabilidade».

     

    Poio, 14 de marzo de 2018. O PP de Poio esixiu hoxe a Luciano Sobral que cumpra as condicións establecidas polo propio sector do Mar e garanta que o porto de Combarro poida ser utilizado como estacionamento de veciños e visitantes en tempadas de máxima afluencia de visitantes, como se viña facendo ata o de agora.

    O concello negouse recentemente a cumprir o convenio que asinou con Portos de Galicia e garantir a compatibilidade entre as actividades portuarias e o estacionamento de vehículos, como lle esixe a confraría de Pescadores de Raxó. Os representantes municipais aduciron que non poden garantir a vixilancia do recinto por carecer o Concello de Poio de policía local polas noites e non dispoñer de servizo de guindastre.

    Esta negativa do Concello de Poio conlevará o peche do porto para o aparcamento de turismos durante periodos de alta afluencia de turistas, algo que para o concelleiro do PP Tucho Muíños é «moi prexudicial para os veciños, os empresarios e centos de familias que viven do turismo e a hostalaría en Combarro».

    O voceiro popular en Combarro pediu a Sobral que «se poña a traballar» para cumprir o convenio e garantir a convivencia entre as actividades propiamente portuarias e o estacionamento dos vehículos de residentes e visitantes, «sempre sendo conscientes que a prioridade son os mariñeiros». Muíños recordou que cando se lle cede o acceso ao porto ao Concello para que poidan aparcar turistas ou veciños «o concello debe facerse responsable de que isto non entorpeza o día a día do sector do mar: O que non pode ser é que haxa coches aparcados diante das casetas, ou enriba das básculas, ou que haxa barcos que non poden descargar o mexilón porque teñen un coche aparcado diante».

    Muíños recordou que «é o concello quen incumpriu as condicións que eles mesmos firmaron. É normal que o sector do mar pida garantías de que se van cumprir uns requisitos » e explicou que «a solución é moi fácil: o Concello ten que comprometerse a que mentres se poida aparcar no porto, a policía local debe facerse cargo de retirar os coches que molestan aos profesionais do mar».

    «O que non pode facer agora o Bipartito é escusarse en que non ten grúa ou que non ten policía local dabondo. Se queren colaborar cos veciños e co sector turístico garantindo o mesmo tempo o traballo do sector do mar teñen que ter claras as prioridades», explicou Muíños: O que non é normal é que para a Festa do Mar Sobral «poña policía local as 24 horas, facendo turnos e pagando horas extras, e cando as confrarías lle piden colaboración, que en moitos casos é ampliar un par de horas a policía para coordinar os usos portuarios co estacionamento, diga que non».

    Muíños amosou sorpresa tamén polas declaracións dos responsables municipais recoñecendo que en Poio non existe servizo de guindastre, e pediu que expliquen a que se refiren: «Como que non hai grúa en Poio? E logo quen garantiza os vados ou a saída e entrada de vehículos prioritarios? Acaso está o concello cobrando por un servio que non presta?», e recalcou que de ser así, o concello tería recoñecido algo moi grave.

    Muíños denunciou tamén que esta admisión por parte do Concello contradí as declaracións do propio Bipartito a finais de 2017, cando anunciaron “a bombo e platillo” a creación de decenas de prazas de aparcamento para residentes e visitantes: «Como teñen o valor de facer esas promesas cando nin sequera son capaces de garantir as condicións para que se poida aparcar no porto?»

    Así, Muíños pediu a Sobral que «se poña a traballar» e esixiu ao Bipartito que se deixen de promesas que son incapaces de cumprir: «O sector do turismo en Combarro é fundamental, pero só se o concello sabe xestionar, facelo convivir cos veciños e co resto de sectores produtivos e facer unha xestión minimamente eficiente», recordando que a dotación de aparcamento é unha responsabilidade exclusivamente municipal.

    Muíños recordou que o PP presentou varias propostas para aumentar o espazo de aparcamento en Combarro para visitantes e residentes, incluido o aluguer durante a tempada alta de fincas para “leiraparks”, e outras medidas para evitar «un colapso que pola incompetencia do Bipartito parece que cada ano en vez de ir a mellor vai a peor».

Add comment


Security code
Refresh