O PP denuncia que o Bipartito provincial bateu récord en 2017 ao deixar sen executar máis da metade do orzamento da Deputación

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP denuncia que o Bipartito provincial bateu récord en 2017 ao deixar sen executar máis da metade do orzamento da Deputación

    • Para Elena Muñoz, “é a constatación do que xa estamos acostumados, que é incapaz de xestionar de forma eficaz e eficiente o diñeiro de todos os pontevedreses”.
    • A conta xeral indica que a 31 de decembro de 2017 había na caixa da Deputación 163 millóns de euros sen gastar.
    • “As administracións non teñen que aforrar, o que teñen que facer é xestionar os fondos que reciben e canalizalos cara máis investimentos, recursos e servizos para os concellos”, engade Belén Villar.

     

    Pontevedra, 28 de maio de 2018.- O Partido Popular de Pontevedra valorou esta mañá a conta xeral da Deputación de Pontevedra do ano 2017, que segundo a deputada Elena Muñoz “é a constatación do que xa estamos acostumados, que o Goberno Bipartito é incapaz de xestionar de forma eficaz e eficiente o diñeiro de todos os pontevedreses. Este ano bateu récord de execución, deixando máis da metade do orzamento sen executar”. Así, dos 152 millóns de euros que había no orzamento provincial de 2017, só se executou o 49%. “Esta cifra fala por si soa. As palabras baleiras demóstranse con feitos, e a conta xeral da deputación do ano 2017 demostra con datos contundentes o que nos quere ocultar este Goberno con tanta palabra, tanto postureo e tanta foto”, engadiu a popular.

    En rolda de prensa xunto á tamén deputada provincial Belén Villar, Elena Muñoz criticou que o Bipartito “non quixo incluír a conta xeral no último pleno que se celebrou na Deputación _o venres pasado_, a diferencia do que si fan os concellos ou outras administracións, aínda que sexa para dar conta do balance e do que se fixo o ano anterior”. Para a deputada popular, “queren pasar de puntillas, non queren que os pontevedreses coñezan o que se fai, ou mellor dito non se fai, cos seus cartos”.

    “Esta cifra dá a razón ao PP, que leva desde o primeiro momento advertindo da lentitude, da forma de facer orzamento, con partidas xenéricas que se inclúen sen atender e escoitar as demandas dos concellos”, salientou a popular. Só así se explica, engadiu, “que haxa liñas de axuda que quedan practicamente sen executar, como o plan de montes, o plan de proxectos singulares, falta de proxectos de investimentos, ou o feito de que un plan tan importante como o de prácticas laborais da Deputación nin sequera se convocase a pesar de contar con partida orzamentaria”.

    Ademais, as deputadas populares recordaron que ano a ano o que están incrementando é o diñeiro que teñen en caixa da Deputación, “e neste caso baten tamén récord este ano porque teñen 163 millóns de euros sen gastar”. Belén Villar recordou que “as administracións non teñen que aforrar, o que teñen que facer é xestionar os fondos que reciben, neste caso máis do 95% do Estado, e canalizalos cara máis investimentos, recursos e servizos para os concellos. Polo que non ten sentido que a Deputación deixe ano tras ano todo este diñeiro sen gastar, iso quere dicir que non están xestionando eficazmente. O que terían que facer é destinar e redistribuír practicamente o cen por cento do que reciben entre os concellos, que esa é a función da Deputación”.

    Neste senso, Elena Muñoz confía en que “cando calquera concello da provincia, colectivo ou entidade vaia á Deputación para pedir colaboración, non lle digan que non hai diñeiro. Porque diñeiro sobra, o que non sobra son nin as ideas nin a capacidade de xestionalo con sentido común e en beneficio dos pontevedreses”.

    Por último, as populares referíronse tamén á segunda modificación orzamentaria que o Bipartito aprobou no pleno do venres. “É a segunda modificación en cinco meses, este é o mellor exemplo de que por enriba, se emendan a si mesmos”, valorou Muñoz.

Add comment


Security code
Refresh