O PP acusa ao Bipartito da Deputación de paralizar o dinamismo social e económico no Salnés cunha ausencia de investimentos e cun nivel do 51% do orzamento sen executar

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP acusa ao Bipartito da Deputación de paralizar o dinamismo social e económico no Salnés cunha ausencia de investimentos e cun nivel do 51% do orzamento sen executar

    • Os populares piden aos cidadáns que reflexionen sobre o nivel de compromiso do ente provincial no pasado mandato e nos últimos tres anos da nova Deputación, “onde non se inaugurou nin unha obra promovida polo bipartito”.

     

    Cambados, 29 de maio de 2018.- Os deputados populares do partido xudicial do Salnés, Luis Aragunde e Salomé Peña, e o voceiro do PP de Pontevedra na Deputación, Ángel Moldes, cualificaron de “parálise total e falta de capacidade de xestión” o balance dos tres anos do goberno bipartito ao fronte do ente provincial na comarca arousá e aseguraron que a 31 de decembro de 2017 estaba sen executar o 51% do orzamento da Deputación.

    Luis Aragunde centrou a súa intervención identificando os síntomas desa “parálise” en concellos como Cambados nos continuos retrasos en executarse as obras como a da piscina que agora empeza a realizarse cando xa se podería levar a cabo con anterioridade. “Na comarca do Salnés teñen todo paralizado en infraestruturas viarias, deportivas, apoios aos colectivos sociais, culturais. Pasamos dunha actividade case frenética do anterior goberno do PP na Deputación a unha parálise total crónica”.

    Nesta mesma liña fixo a súa intervención a deputada Salomé Peña, quen sinalou que “esta comarca era unha das máis dinámicas de Galicia e a Deputación estaba xunto aos proxectos dos veciños e os concellos e agora, desde hai tres anos, a parálise é total. Non hai nada de nada. A metade do orzamento está sen executar, o que dá boa conta de que o que fan é improvisado e sen proxecto claro que levar adiante. Gobernan de costas aos veciños e aos concellos. Antes a Deputación tiña un compromiso claro coa comarca e cos veciños e agora danlle as costas”.

    Peña aludiu ao “descoñecemento pleno da realidade da comarca” por parte da presidenta Carmela Silva e sinalou que “non teñen preocupación polos veciños nin polo desenvolvemento da comarca. Antes o goberno do PP na Deputación estaba pendente e impulsando sectores produtivos como o do mar ou o do viño e agora non só se eliminan axudas á Ruta do Viño senón que se rompe coa súa dinámica provocando coa súa parálise perxuízos graves no desenvolvemento de actividades deportivas, sociais, culturais, etc. ante a falla de compromiso coa nosa bisbarra. Eliminaron axudas importantes para continuar co despegue do Salnés causando graves perxuizos á calidade de vida dos nosos veciños e con grave perda de oportunidades”.

    “A XENTE QUE REFLEXIONE SOBRE O QUE TIÑA ANTES CO GOBERNO DO PP E AGORA TRAS 3 ANOS DE BIPARTITO”

    Pola súa banda o voceiro do PP na Corporación Provincial, Ángel Moldes, propuxo aos veciños e veciñas da comarca do Salnés que fagan unha reflexión en clave municipalista e electoral e pensen sobre a realidade que vivían antes na comarca do Salnés cun goberno do Partido Popular e a nova situación tras 3 anos de xestión do bipartito. “Non inauguraron nin unha soa obra, tan so as que foron herdando e despois de poñerlle miles de atrancos para patrimonializa-la eles sen importarlles os danos que poderían ocasionar cos retrasos inxustificados nos que incorrían. Só polo seu capricho. E despois veñen querendo vender como propios proxectos como a piscina de Cambados ou o edificio de usos náuticos da Illa coa intención de apuntarse tantos que saben que non lles corresponden porque foron actuacións que quedaron aprobadas polo PP, pero que foron retrasando para tentar afealas con tecnicismos inxustos para tentar apuntarse o mérito”. 

    “Na caixa da Deputación hai 163 millóns de euros sen executar. A Deputación non está para aforrar senón para investir con sentidiño os cartos de todos en beneficio dos veciños e veciñas da provincia, tamén do Salnés. Quero que a xente reflexione e que pense o que era a comarca co goberno do PP e o que é agora co bipartito. Dinamismo, actividade, aposta pola xente e proxectos de interese xeral, promoción exterior da boa imaxe da comarca, como cando saíu desde aquí a Volta Ciclista a España… Os feitos son os que son. Non hai unha obra feita pola nova Deputación na comarca do Salnés”, concluíu Ángel Moldes.

    Pola súa banda, retomou a palabra Aragunde para referirse tamén ao Plan Revitaliza e á compostaxe e sinalou que “despois de investir 6 millóns de euros os resultados non son os que nos prometeron, son moi decepcionantes posto que desde que está en marcha, nos concellos onde está implantado xérase máis lixo que antes. Agardamos por respecto institucional o tempo suficiente para a súa implantación e vemos como o proxecto estrela do bipartito é un auténtico fracaso. Non estamos en contra da compostaxe, cuestionamos o modelo que están implantando e que ten os resultados que ten. Nós apostamos por un diálogo aberto e permanente cos concellos para emprender unha acción combinada neste sentido. As cifras que nos dan despois de aplicar o Plan Revitaliza son inversamente proporcionais ao anunciado nun principio polos responsables desta iniciativa polo que hai que reflexionar ao respecto e teñen que facer unha forte autocrítica”, manifestou Luís Aragunde.

Add comment


Security code
Refresh