O PP denuncia que o Bipartito «demostra cada día que non quere falar do seu maior fracaso: o PXOM»

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP denuncia que o Bipartito «demostra cada día que non quere falar do seu maior fracaso: o PXOM»

    • Os populares lamentan que a moción para axilizar a tramitación do PXOM non se debatese «polo desexo expreso do presidente da comisión», demostrando que «o último que lle interesa aos responsables de urbanismo deste concello é o urbanismo».
    • Recordan que o PSOE nunca tivo obxeccións en debater con urxencia «todo tipo de mocións que non teñen nada que ver con Poio» e achacan a decisión de Agís ao intento de seguir ocultando as miserias do departamento de urbanismo máis caro e ineficiente da historia de Poio.
    • «Non lles quedan escusas. Existe o documento, existe a comisión onde amosalo. O que non existe é a vontade de ser transparentes nin de afrontar as súas responsabilidades».

     

    Poio, 31 de maio de 2018.- O PP de Poio reprochou este xoves a decisión persoal do concelleiro de urbanismo de non incluír a moción popular sobre o PXOM no pleno de maio.

    A voceira popular para asuntos urbanísticos, Rocío Cochón, explicou que despois de debater o texto na última comisión de urbanismo do mes, o edil de urbanismo e presidente desta comisión, Gregorio Agís, tomou a decisión de non incluír a moción na orde do día do pleno, e que preguntado o motivos, os funcionarios municipais confirmaron que se trataba dun desexo expreso de Agís.

    Cochón apuntou que esta decisión persoal de Agís demostra que o Bipartito «non quere falar do seu maior fracaso: a incapacidade de amosar ou de sacar adiante o novo PXOM» despois de dez anos e máis de 400.000 euros, e o que é máis grave, indica que PSOE e BNG non teñen intención de amosar aos veciños nin ao resto dos grupos os resultados do departamento de urbanismo máis caro e incapaz da historia.

    A moción do Partido Popular recordaba que desde a contratación da redacción do novo PXOM en 2008 os sucesivos gobernos do Bipartito foron incapaces de amosar «un só papel» aos veciños ou á propia comisión de urbanismo sobre o estado do novo Plan Xeral, e esixía que o goberno local puxese a disposición do resto dos grupos toda a documentación do novo Plan, informase aos veciños do contido e do estado da tramitación e abrise un proceso para que veciños e grupos políticos puidesen participar na elaboración deste documento, xa que nestes momentos «os únicos que coñecen o proxecto son os amigos de BNG e PSOE».

    Cochón lembrou que a moción intenta solucionar os problemas urbanísticos provocados pola parálise instaurada polo Bipartito, e recordou a necesidade de axilizar e dar a coñecer os detalles do novo PXOM, xa que actualmente «Poio está a perder e a desaproveitar iniciativas empresariais e oportunidades de emprego pola falta de actualización do urbanismo ás necesidades actuais do concello», con indefinicións que deixan a porta aberta ao caciquismo de Sobral e o seu equipo, como a inexistencia de criterios técnicos sobre os usos turísticos que posibilitaron o outorgamento de licenzas para un proxecto dun exconcelleiro do BNG, cos únicos votos do BNG, mentres botan para atrás proxectos similares doutros veciños.

    O texto dos populares, ademais, subliñaba a necesidade de abrir un procedemento de transparencia e participación para que os veciños puidesen coñecer os detalles do novo PXOM, con reunións informativas nas parroquias para informar e recoller achegas da veciñanza, algo que evidentemente «non interesa a un goberno local, que coma sempre está á cola da transparencia e que prefire que o PXOM estea metido nun caixón e só o coñezan uns poucos amigos do Bipartito para comprar terreos e especular».

    Así, a decisión de Agís de non levar a pleno a moción, pese a que xa fora debatida en comisión, demostra para os populares o intento de seguir ocultando as miserias do departamento de urbanismo máis caro e ineficiente da historia de Poio, explicou Cochón, xa que o propio PSOE nunca tivo inconveniente en levar ao pleno e debater con urxencia todo tipo de mocións sen relación con Poio, e de feito a maioría das últimas mocións presentadas polos socialistas nin sequera foran debatidas anteriormente en comisión: «unha proba máis do que vimos denunciando. Teñen un documento feito que pretenden agachar indefinidamente dos veciños, do resto dos grupos e do que nin sequera queren falar. Cada vez queda máis claro de que o último que lles interesa aos responsables de urbanismo deste concello é o urbanismo».

    Para Cochón, ao Bipartito «non lles quedan escusas», e lembrou que o documento existe, aínda que o queiran manter agachado no caixón, e a comisión de urbanismo onde amosalo tamén, aínda que BNG e PSOE prefiran ter aos seus membros a escuras: «O que non existe é a vontade de ser transparentes nin de afrontar as súas responsabilidades, como é habitual» 

Add comment


Security code
Refresh